Hoxe é Mércores 17 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Liña Verde Redondela” amplía os servizos cun sistema de comunicación de incidencias vía móbil

RR_Noticias

O Concello de Redondela puxo en marcha un novo servizo que permite á cidadanía, a través dunha novidosa aplicación para dispositivos móbiles, comunicar as incidencias no equipamento urbano que detecten no municipio e resolver gratuitamente todas as súas dúbidas ambientais . Para o alcalde, Javier Bas, e o edil de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, supón “un paso máis” para favorecer a participación da cidadanía no ámbito local.

O novo servizo súmase ao que xa ofrecía Liña Verde Redondela, cun servizo de consultas en liña e unha ampla información sobre o medio e o municipio no portal www.lineaverderedondela.com. A nova aplicación Liña Verde permite que os cidadáns comuniquen incidencias no equipamento urbano dun xeito moi sinxelo. Para iso, unha vez aberta a aplicación no seu dispositivo móbil, tan só ten que seleccionar unha categoría, detallar a incidencia e, se o desexa, achegar unha foto da mesma. Rubén Olmedo, director corporativo da empresa, explicou que deste xeito “con tan só tres clics” a incidencia está enviada. O propio dispositivo detectará por xeo-localización as coordenadas exactas nas que se sitúa a incidencia, aínda que a persoa usuaria tamén poderá facelo manualmente se decide enviar o aviso noutro momento dende outro lugar. Deste modo, calquera persoa poderá comunicar, de xeito moi sinxelo, deficiencias na iluminación, a limpeza, o mobiliario urbano ou a rede de sumidoiros, entre outras moitas categorías, que detecten no territorio redondelán. O alcalde, Javier Bas, destacou a importancia de dar conta destas incidencias “dun xeito máis rápido e directo”. O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, sinalou tamén que se trata dunha ferramenta “viva”, e que se irá adaptando e mellorando “paso a paso” segundo as necesidades. Os técnicos municipais ou da empresa de servizo correspondente recibirán de forma inmediata o aviso, e poderán actualizar directamente o estado da incidencia. Cando a incidencia estea resolta, a persoa que fixo a denuncia recibirá unha notificación no seu móbil. A través da mesma aplicación ou da web as empresas do municipio tamén poderán resolver gratuitamente todas as súas dúbidas de xeito sinxelo, nun prazo máximo de 24 horas. Expertos en medio ambiente resolverán as preguntas formuladas polas empresas redondelás relacionadas coa lexislación ambiental, os sistemas de xestión ambiental, a xestión de residuos ou provedores de servizos e tecnoloxías. Ademais, a Liña Verde atende as consultas dos cidadáns acerca da reciclaxe, o aforro enerxético, a contaminación acústica, zonas verdes ou calquera outro tema relacionado co medio ambiente, e permite tamén realizar consultas sobre trámites administrativos, axudas e subvencións, enerxías renovables, tecnoloxías limpas, cursos, etc. Ademais do servizo de consultas e de comunicación de incidencias, Liña Verde ofrece aos veciños e empresarios de Redondela unha completa información sobre temas relacionados co medio natural. Alí as persoas usuarias poderán encontrar noticias, documentos, manuais, ordenanzas, lexislación nacional e autonómica, axudas e subvencións, axenda de eventos destacados, un completo glosario con termos ambientais e preguntas frecuentes, entre outras posibilidades.  

Javier Bas alcalde
Co novo sistema os veciños terán un xeito rápido e sinxelo de comunicar incidencias ó Concello.
Miguel Ángel Álvarez edil de Medio Ambiente
Esta nova ferramenta irá mellorando e adaptándose ás necesidades dos usuarios.
Rubén Olmedo de Liña Verde
Os usuarios da aplicación poderán comunicar unha incidencia con só "tres clics".

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará