Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Pleno histórico en Chapela para rexeitar a ampliación da AP-9 e convocar unha manifestación

RR_Noticias

Por vez primeira o Auditorio do Piñeiral acolleu a celebración dun pleno do Concello redondelán, e máis de 200 veciños da parroquia foron testemuñas da sesión na que todos os grupos da corporación rexeitaron, por unanimidade, o proxecto de Fomento. A moción aprobada onte insta a Fomento a paralizar o proxecto, esixe a Audasa que tome medidas para reducir a contaminación acústica e ambiental na parroquia e convoca a toda a cidadanía a unha gran mobilización o sábado 2 de marzo.

A sesión extraordinaria tivo como único punto esixir a Fomento a “inmediata paralización do actual proxecto de ampliación da AP-9” e que impida “a construción dun terceiro carril, o que suporía un novo atentado contra Chapela”. A proposta do alcalde recibiu o apoio unánime de PP, PSOE, BNG e AER, e tamén insta á empresa concesionaria Audasa a adoptar as medidas correctoras “que garantan aos veciños de Chapela, Rande e Cabanas, os niveis de salubridade establecidos na normativa legal vixente”. Así mesmo, o texto aprobado convoca para o sábado 2 de marzo unha manifestación contra a ampliación da AP-9, á que se convidan a participar “a todas as asociacións, colectivos e cidadanía en xeral”. A declaración foi defendida polo edil do PP Miguel Ángel Álvarez Ballesteros, tenente de alcalde e presidente do Consello Parroqual de Chapela. Tanto o seu grupo como PSOE, BNG e AER desde a oposición cualificaron o proxecto de ampliación como “barbarie, aberración e atrocidade” para a parroquia de Chapela, e coincidiron na necesidade de “facer todos unha piña” para sumar forzas e evitar a ampliación. Con todo, e malia unanimidade coa que se aprobou a proposta, o debate non estivo exento de acusacións políticas sobre a responsabilidade do anterior goberno central, do PSOE, e do actual, do PP, sobre este proxecto de ampliación que aumentará os carrís da AP-9 ao seu paso por Chapela, e que supón a expropiación de 14 vivendas, un colexio público, afeccións no centro de saúde, máis ruído e contaminación, e a expropiación duns 3.500 metros cadrados de terreos privados. Desde o PSOE, o concelleiro Eduardo Reguera, criticou a decisión tomada polo anterior ministro de Fomento, o socialista José Blanco, que proxectou a ampliación, e lamentou que desde o PSOE de Redondela “non foron quen de convencer” ó goberno socialistas de Madrid de que ampliar a AP-9 era “unha barbaridade”. Pola súa banda a nacionalista Cecilia Pérez Orge, acusou ao PP de facer electoralismo co asunto, e de “enganar aos veciños” xa que durante a campaña das xerais de 2011, a entón candidata Ana Pastor dixo que non habería ampliación, e un ano despois, xa como Ministra de Fomento, anuncia un acordo con Audasa que contempla esa obra. Por parte do PP, Álvarez evitou entrar en polémicas e pediu “non politizar” o tema, senón sumar forzas entre todos e unir a toda Redondela para facer oír o seu rexeitamento en Madrid. O edil de AER, Jorge Varela, fixo un chamamento para que a declaración aprobada onte non sexa “un paripé” e que se pase “a acción”, afirmou que a única posibilidade de para o proxecto é “saír todos á rúa” e se é preciso “poñerse diante das escavadoras cando cheguen”.  

Miguel Ángel Álvarez PP
O grupo popular quere despolitizar o asunto e manifestarse todos unidos contra a ampliación da AP-9.
Eduardo Reguera PSOE
O edil lamenta non ter sido capaz de convercer ao anterior goberno do PSOE de que a ampliación era unha aberración.
Cecilia Pérez BNG
O Bloque agardan que todos estean unidos para defender Chapela nunha gran manifestación.
Jorge Varela AER
Varela pediu que logo da decisión do pleno se pase a unha mobilización real na rúa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará