Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela recupera a súa toponimia

RR_Noticias

O Concello levará ós Consellos Parroquiais a proposta da asociación Alén Nós, que ten por obxectivo recuperar a toponimia orixinal dos camiños, lugares e barrios do municipio. Os indicadores actuais acumulan múltiples erros e na maioría das parroquias non recollen os nomes dos barrios.

Andrés Laxe, membro da asociación cultural, entende que as denominacións actuais responden a unha “irresponsabilidade política” do anterior goberno local, que rotulou mal os topónimos “en todas as parroquias”. Para Laxe o caso é “especialmente grave” en Reboreda, xa que nesa parroquia a Asociación Labrego Cultural realizara no ano 2000 un amplo traballo de investigación coa colaboración do experto Gonzalo Navaza, membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia. Naquel momento a asociación rotulou os barrios, rúas e camiños de Reboreda cos seus topónimos orixinais. O pasado ano, antes do cambio de goberno, o Concello “rebautizou” eses lugares con nomes “erróneos”, segundo denuncia Alén Nós. O colectivo, logo de se reunir co alcalde, Javier Bas, e os concelleiros de Urbanismo e Cultura, Arturo González e Alberto Pazos, amósase satisfeito pola resposta do goberno local, que se comprometeu a facer as correccións oportunas. Laxe salienta “a vontade política” do actual rexedor de solucionar o problema causando “as menores molestias posibles” para os veciños. Recoñecen que un novo cambio nos nomes das direccións poden supoñer “certas incomodidades”, pero entende que é importante “conservar ese patrimonio”. Para iso Bas ofreceu a posibilidade de que un funcionario municipal facilite aos veciños o trámite para o cambio de dirección. Agora o seguinte paso é levar esta proposta ós Consellos Parroquiais, para que sexan os colectivos veciñais e culturais de cada parroquia os que decidan sobre a necesidade de correxir a súa toponimia.  

Andrés Laxe de Alén Nós
Laxe cualifica de "irresponsable" ó anterior goberno local polos erros rexistrados nos topónimos de todo o municipio.
Correxir os erros
O compromiso do actual goberno é correxir as denominacións que presenten erros.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará