Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O FS Redondela agarda a participacións duns 40 equipos no Mundialito da Xunqueira

RR_Noticias

É unha das citas deportivas mais emblemáticas de Redondela, e os afeccionados ó fútbol sala agárdana con ansia cada verán. A finais deste mes comezará a XXXVIII edición, e a organización decidiu axudar ós deportistas rebaixando o prezo da inscrición, que será de 100 euros para os equipos senior masculino. Para os conxuntos femininos e cadetes mantense o prezo de 60 euros. O Fútbol Sala Redondela agarda aumentar a participación ata os 40 equipos.

A inscrición está xa aberta para participar no XXXVIII Mundialito da Xunqueira, un evento deportivo que congrega a centos de deportistas e afeccionados ó fútbol sala no centro da vila. O calendario está aínda por pechar, en función do número de equipos que se inscriban, pero o presidente do club, Juan Manuel Nogueira, agarda comezar o campionato a finais deste mes de xuño. Deste xeito poderán aprazar algunha xornada en caso de chuvia, ou cando coincida cos partidos Eurocopa, “sen ter que sacrificar os días de descanso”. Coñecedores da difícil situación económica de moitos mozos, a organización decidiu rebaixar o prezo da inscrición para os equipos senior masculinos, que pagarán 100 euros (en lugar dos 120 euros das últimas edicións). Nogueira agarda compensar a rebaixa do prezo cun maior número de participantes, xa que agardan contar con entre 35 e 40 equipos. No caso dos equipos senior feminino e os cadetes, o prezo da inscrición mantense en 60 euros. Ademais os equipos deberán depositar unha fianza, será de 30 euros para os conxuntos senior masculino e 20 euros para os demais. Necesidade de instalacións O Mudialito será unha festa para os afeccionados logo dunha espléndida temporada do equipo local, que rematou a liga na metade da táboa da Autonómica Sur. No club recoñecen que o equipo experimentou unha importante melloría coa chegada do novo técnico. Nolichi conferiu “máis calidade técnica” a un conxunto que madura “xornada tras xornada”. Tamén se amosan moi satisfeitos dos resultados dos equipos da base, que aumentan cada ano en número de rapaces. O maior problema do club son as limitacións en canto ás instalacións deportivas. O feito de ter que compartir o pavillón municipal coa SAR e os equipos de baloncesto “complica moitos os adestramentos e os partidos”. O F.S. Redondela vese na obriga de desprazarse ós pavillóns de Reboreda e Cabeiro, ante a falta de espazo no pavillón redondelán. No club, igual que noutras institucións deportivas, levan anos reclamando a construción doutro pavillón na vila que dea resposta ás necesidades destes colectivos. Juan Manuel Nogueira lamenta “que non se lle dea resposta a estas disciplinas deportivas”, ao tempo que se anuncia unha remodelación millonaria no campo de fútbol de Santa Mariña.    

Juan Manuel Nogueira presidente
No club agardan aumentar o número de equipos participantes grazas á rebaixa no prezo da inscrición.
Balance da temporada
Nogueira amósase satisfeito co traballo do equipo na Autonómica Sur e os da base.
Necesidade de instalacións
No club lamentan as promesas incumplidas para a construcción dun novo pavillón.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará