Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Solidariedade redondelá para Senegal

RR_Noticias

A ONG Da Man traballa desde 2009 axudando á poboación inmigrante en Galicia e tamén en Senegal, con diferentes proxectos sanitarios e educativos. En tempos de crise a organización redondelá fai un chamamento á sociedade para que siga a colaborar cos máis desfavorecidos, moi vulnerables nestes tempos. Lembran que “cunha pequena axuda” en África “faise moito”.

Con máis de 140 socios, ducias de voluntarios e o empeño de axudar a aqueles que máis o necesitan, a ONG Da Man leva adiante o seu traballo social e solidario. Nada en Redondela hai máis de tres anos, esta organización céntrase na axuda humanitaria e a cooperación en países en vías de desenvolvemento. En Galicia colaboran coa poboación inmigrante, e en Senegal teñen en marcha varios proxectos sanitarios e educativos. De Da Man forman parte moitos profesionais sanitarios, é o caso da súa presidenta, a pediatra Pilar Martínez, que salienta os bos resultados que están a ter na rexión de Kedougou, nas comunidades rurais de Bandafassi e Dindefelou, ao sueste do país. Os resultados son moi positivos, segundo Martínez, grazas á formación que recibe a poboación local en aspectos hixiénico-sanitarios, e tamén polos programas de vacinacións e nutrición. O representante da ONG en Senegal, Mamadou Niang, está estes días en Galicia para dar a coñecer ese traballo e sensibilizar á sociedade da necesidade de que sigan colaborando. Lembra que nestes tempos de crise os máis pobres son os máis vulnerables, e que cun pouco de axuda pode facerse moito. Niang forma parte do grupo de membros de Da Man que onte foron recibidos no Concello de Redondela. O alcalde, Javier Bas, manifestou o seu agradecemento á ONG polo traballo solidario que realizan, e afirmou que a actual crise económica non pode ser escusa para deixar de colaborar con estas causas. O concelleiro de Cultura, Alberto Pazos, salientou ademais o altruísmo dos membros de Da Man, que garanten que cada euro que reciben se destina ós proxectos no terreo, xa que todos os gastos de viaxes e aloxamento son costeados polos propios voluntarios. Cea Solidaria en Vigo Da Man organiza unha cea solidaria o vindeiro día 19 de maio no Hotel Carrís, na rúa Beiramar de Vigo. O prezo da invitación é de 20 €, dos que 6 € se destinan ós proxectos humanitarios. Os interesados en asistir á cea (na que se proxectarán vídeos dos seus programas sanitarios e educativos en Senegal) poden chamar ó teléfono 670.910.488, ou poñerse en contacto coa ONG a través da páxina www.daman.org.  

Mamadou Niang Da Man Senegal
Fai un chamamento á sociedade galega para que siga a colaborar con África malia a crise.
Pilar Martínez presidenta Da Man
Salienta o bo resulado dos programas sanitarios e educativos que fan en Senegal.
Javier Bas alcalde
O rexedor local apoia o traballo de Da Man e pide un esforzo da sociedade para colaborar coa ONG.
Alberto Pazos concelleiro
Pazos salienta a xenerosidade dos membros da ONG que garante que cada euro se destine ós proxectos humanitarios.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará