Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco golea ó Traviesas

RR_Noticias

Os de Jacobo Montes volveron demostrar que Santa Mariña é un fortín. O Alerta Traviesas saíu goleado do campo redondelán cun resultado de 6-1. No resto de categorías resultados desiguais con empate do Chapela e vitoria do Arcade. En fútbol sala o Redondela perdeu por 3-2 en Poio.

Preferente Autonómica Sur.

Choco 6-1 Alerta Traviesas
Seis goles encaixou o Alerta Traviesas en Santa Mariña, e puideron ser máis, xa que chegaron ó descanso con 5-0. O equipo de Jacobo Montes demostrou unha vez máis que converteron o seu campo nun verdadeiro fortín. Xa o fixeran co Gran Peña, anotando catro tantos, e onte aumentaron ata seis esa renda goleadora a. E o resultado mesmo quedou corto para o xogo que se viu en Santa Mariña, cos redondeláns dominando desde o primeiro minuto cun plan moi ofensivo. E a falta de acerto de cara ó gol que tiveron noutros partidos converteuse onte nunha fina puntería. O primeiro gol chegou no primeiro minuto de partido, obra de Taran, logo dunha xogada de estratexia de Lojo e Caloi. E case sen tempo, no minuto 2, o propio Taran púxolle un centro a Aitor Gómez para anotar o 2-0. E continuou a festa no minuto 14, con gol de Yeray, que repetiu oito minutos máis tarde. E antes de chegar ó descanso o mesmo Yeray anotaba o seu terceiro gol, que sería xa o quinto do encontro. Xa na segunda parte e co traballo feito, o xogo relaxouse, pero houbo aínda tempo para dous goles máis. O da honra dos vigueses, que anotou Nico no minuto 59, e o sexto dos redondeláns, obra de Caloi, no minuto 61.
Con esta vitoria o Choco escala ata a 6ª praza da táboa e afronta o complicado partido da próxima xornada, xa que o domingo visita o campo do Ribadumia, segundo na táboa e a tan só un punto do líder, o Arousa.
Primeira Autonómica
Chapela 1-1 Caselas
O Chapela conseguiu un importante empate diante dun dos equipos máis fortes do grupo, o Caselas. Con todo, non é suficiente para saír da parte baixa da táboa, agora son 14º. A próxima xornada desprázanse ó campo do Sp. Marín, outro dos equipos situados nos últimos postos da clasificación.
Segunda Autonómica
Arcade 1-0 Zacande
Os de Soutomaior continúan coa súa racha ascendente logo de gañar pola mínima ó Zacande. Agora son 6º, e o domingo xogan no campo do U.Dena, un posto por baixo deles.
Terceira Autonómica
Alcabre 3-0 Chapela
Os de Chapela seguen a ser os pechacancelas do grupo ó perder no campo do Alcabre. Aínda non sumaron ningún punto nas tres xornadas de liga disputadas. E terano complicado na próxima xornada, xa que reciben ó líder, o Sampaio, que conta os seus tres partidos por vitorias.
Lavadores 2-3 Choco
Mellor lle van as cousas ó Choco, que gañou en Lavadores e escala á 6ª praza do grupo. A próxima fin de semana recibe ó Arcade.
Ribadelouro 3-1 At. Vilar
Non lle foron ben as cousas ós de Vilar, que perderon no campo do Ribadelouro. Están na metade baixa da táboa, e o domingo reciben ó Oiense, un posto por riba dos redondeláns.
Alpinista 3-2 Nespereira
Non arranca o Nespereira nesta liga, a derrota no campo do Alpinista déixaos na parte baixa da táboa. O domingo reciben ó Crecentense, co que están empatados a puntos.
Fútbol Sala Autonómica Sur
Poio 3-2 Redondela F.S.
O equipo redondelán foi a primeira vítima do Poio, que aínda non gañara ningún encontro na súa pista. O partido estivo moi igualado pero finalmente os de Manoliño foron superados polos locais cun marcador de 3-2. O sábado continúa a liga, o sábado reciben en Redondela ó Rodavigo-Mos, situado, igual que o Redondela F.S., na metade da táboa.
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará