Desde CCOO advirten que o incremento no número de empregados da factoría redondelá non será efectivo ata mediados de 2012, co lanzamento dos novos modelos de PSA. Mentres a súa produción baixará, ao deixar de fabricarse o Xsara Picasso.
Os novos contratos coa planta de Citroën en Balaídos revitalizarán á firma redondelá Plastic Omniun, antiga Peguform. A planta, que conta na actualidade con 210 traballadores, prevé duplicar o seu cadro de persoal creando 200 empregos ata o 2013. Esta favorable previsión – feita polos novos directivos da planta- foi aclarada polos sindicatos, xa que o incremento de postos de traballo na fábrica non será real ata mediados de 2012. Esa é a data prevista para comezar a fabricar os novos modelos de PSA. O delegado de CCOO na factoría, Javier Puga, explica que, de confirmarse eses novos contratos “haberá moito traballo” na fábrica de parachoques, pero haberá que agardar “case dous anos”. O problema, segundo explica o representante do sindicato maioritario, é que agora mesmo “a carga de traballo é baixa”. Ademais, en novembro, ao deixar de fabricarse o Xsara Picasso, a antiga Peguform perderá un dos modelos que fabrica actualmente, polo que a produción da planta “caerá en picado”. Por iso desde os sindicatos auguran que “terán que botar man” do Expediente de Regulación de Emprego asinado para este ano, e buscar solucións para a empresa “ata que cheguen os novos contratos”.O novo director da planta, Eduardo Villanueva, anunciou que o obxectivo de Plastic Omniun é diversificar a produción da planta de parachoques coa fabricación doutras pezas como portóns traseiros. Tamén anunciou a posibilidade de desviar a Redondela parte da produción dunha peza que agora se fai en Valencia para a furgoneta Peugeot Partner. Pero destes anuncios aínda non hai “ningunha confirmación oficial”, segundo explica Javier Puga. Por outra banda os representantes sindicais traballan estes días nas súas campañas informativas de cara á folga xeral convocada para o día 29 deste mes. Javier Puga fai un chamamento a todos os traballadores e traballadoras para que saian a rúa para rexeitar a reforma laboral do goberno, que cualifica como “un pau” para a clase obreira que axudará “a destruír emprego”. Puga salienta que se recortan “dereitos fundamentais” dos traballadores e se beneficia ós empresarios “subvencionándolle os despidos”.