O ministerio de Fomento instalará o dispositivo xunto á rotonda de Vilavella, unha medida que os veciños da zona levan anos reclamando debido á elevada densidade de tráfico que soporta a estrada N-550 na zona.
Fomento cumplirá cunha medida de seguridade viaria que os veciños da zona levan anos reclamando e instalará un semáforo con paso de peóns na zona das Cardosas, en Redondela. A actuación, segundo confirmou o Concello, inclúese nas obras de ampliación dun carril neste tramo da estrada N-550 ao seu paso por Redondela, entre a intersección coa N-552 (que une Redondela e Vigo) e a rotonda situada tras o Convento de Vilavella. A ampliación afecta a uns 500 metros do viario no que se desdobrará a calzada cun carril adicional en sentido O Porriño, facilitando así a incorporación dos vehículos que proceden de Pontevedra para dirixirse cara á Louriña ou ó aeroporto de Peinador. O proxecto contempla que os semáforos se coloquen nas inmediacións da rotonda de Vilavella, co fin de garantir a seguridade dos peóns que diariamente se ven obrigados a cruzar esta estrada. Os traballos de ampliación comezaron a principios de maio e está previsto que rematen a finais de ano.