Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Aprazada a Festa do Mexillón de Chapela pola presenza de marea vermella nos polígonos da zona

RR_Noticias

O peche dos parques de bateas na ría de Vigo obrigou á organización a adiar a exaltación gastronómica unha semana, ata o día 19, cando se degustarán uns 5.000 quilos deste bivalvo. O descenso das temperaturas nos últimos días podería favorecer a apertura das zonas extractivas, xa que a calor é un dos detonantes da toxina.

Os amantes do mexillón terán que agardar unha semana máis para poder gozar deste produto na tradicional festa Chapela. A exaltación gastronómica, prevista para o vindeiro domingo día 12, celebrarase unha semana máis tarde, o día 19. A organización atrasou a Festa do Mexillón debido ao peche de todos os polígonos de bateas da ría de Vigo polos elevados índices de toxina diarreica. A comisión de Festas do Carme, que prepara a festa, confía en que a situación se normalice en poucos días e que se poida extraer mexillón dos polígonos da zona a próxima semana. A previsión, como en anos anteriores, apunta a que se servirán uns 5.000 quilos deste popular molusco. As racións de mexillóns prepáranse ao vapor, en escabeche, en vinagreta e en empanada.
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) realiza estudos diarios das zonas de produción para determinar a situación e, en función dos índices de contaminación, decidir se continúa o peche ou se decreta a súa apertura. Actualmente están pechados a totalidade dos parques en toda a ría, entre eles o cinco da zona de Redondela, formados por unhas 500 bateas destinadas ao mexillón, excepto un polígono, o Redondela A, que se dedica á produción de ostra.
Na mesma situación atópanse os parques de Vigo, Baiona, oito de Cangas, tres de Bueu e Portonovo, na ría de Pontevedra. Aínda que se descoñece a evolución da toxina, a baixada das temperaturas nos últimos días podería mellorar a situación, posto que a calor é a principal causa do desenvolvemento da marea vermella. A toxina diarreica que afecta os parques de mexillón provoca molestias gastrointestinais no ser humano aínda que é inofensiva para os bivalvos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará