O arresto do armador Juan Sobral Rivas de 51 anos de idade e veciño de Negros eleva a 13 o número de procesados. A detención producíase na mañá de onte dentro da operación Avó e amplía a outros portos a rede de pesca con explosivos que ata o de agora se reducía a Vigo e Portonovo
Juan Sobral Rivas de 51 anos de idade é un dos armadores do Ferbea, un barco con base na Confraría de Cesantes que estivo xa no punto de mira o pasado martes cando se iniciou a redada nos portos de o Berbés e Portonovo. O detido onte pola Garda Civil é ademais curmá de Juan Sobral Andreu, armador de Cesantes que está no cárcere dende o pasado xoves imputado na mesma causa. Permanecen en prisión ademais outras dúas persoas, o patrón maior de Vigo, José Antonio Tizón e o patrón do Andreu III, Jesús Sobral. A todos eles se lles acusa dun delicto contra o medio ambiente e tenencia ilícita de explosivos.
Por outra banda, a investigación continúa aberta polo que non se desbotan novas detencións, aínda que gran parte das pescudas céntranse agora en coñecer cómo a dinamita chegaba a mans dos procesados. As pescudas policiais e xudiciais apuntan a unha posible vía marítima para a introducción do explosivo na comunidade galega. Consistiría en trasladar en barco a dinamita dende algún punto de Portugal para facer un transbordo en alta mar, posiblemente nalgún lugar ao norte de Viana de Castelo.