Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O concello de Soutomaior asegura que se pode mariscar en Arcade

RR_Noticias

O goberno local afirma que a depuradora funciona correctamente e que o espazo de ría pechado ao marisqueo, cualificado de zona C pola Xunta, non se atopa en Arcade senón ao outro lado da ría, no Polígono de Cunchido, sito en Acuña de Vilaboa, polo que se pode mariscar con normalidade.

Así respondía o goberno de Agustín Reguera ás denuncias feitas polo portavoz de pesca do BNG, Bieito Lobeira e o responsable da formación en Soutomaior, Fernando Herrera, que acusaban á Xunta e ao Concello de pasividade ante os vertidos da depuradora de Arcade que, segundo denunciaban, impedían o marisqueo a pé. Os nacionalistas lembraban que logo de desbotar a existencia de deficiencias na EDAR, o fondo da ría fora declarada como “zona C”, o que impide que se poida comercializar o marisco desta franxa do litoral aínda que pase por un proceso de depuración. 
O concello nega este feito e afirma que a zona catalogada como C non se sitúa en Arcade senón en Vilaboa no Polígono de Cunchido. Dende a Administración local lembran que a Presidenta de Augas de Galicia confirmou o correcto funcionamento da depuradora de Arcade, de acordo coa súa capacidade e tipoloxía e aseguran que segundo as analíticas feitas pola Xunta as augas do concello están controladas e non están afectadas polo peche do polígono de Vilaboa polo que se pode continuar a mariscar. 
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera cualificaba de “atrevemento vergoñento” as declaracións do grupo nacionalista, xa que ao seu entender, “non teñen ningún tipo de fundamento e o único que fan é pór en perigo as ventas das mariscadoras, xa que pode cambiar a percepción dos compradores da calidade da ameixa”. Reguera asegura que o rendemento do sistema de desinfección é o adecuado, cunha taxa de eliminación de organismos microbiolóxicos superior en case todos os casos ao 95% e sinala que Augas de Galicia ten a disposición de todos os resultados do funcionamento da EDAR de Arcade e as analíticas da calidade da auga.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará