Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Unanimidade dos veciños de Chapela contra a ampliación da AP-9

RR_Noticias

Viven nunha parroquia dividida pola autoestrada, a estrada nacional e a vía do tren, e non queren unha ampliación da AP-9. Os veciños de Chapela entenden que un carril máis ó seu paso pola parroquia non solucionará os problemas de tráfico e prexudicará un barrio moi castigado xa polas infraestructuras. Non descartan emprender mobilizacións, aínda que dubidan que poidan ser efectivas, unha vez que o proxecto está xa aprobado.

O anuncio do ministerio de Fomento de ampliar a autoestrada AP9 desde a ponte de Rande ata Teis, caeu como un xerro de auga fría entre os veciños de Chapela. O rexeitamento é unánime entre a poboación. Para os veciños esta ampliación cun terceiro carril entre Rande e Teis, non solucionará os problemas de tráfico, e os empeorará, facendo un “efecto funil na entrada de Vigo”, como nos explicaba Pilar, que rexenta unha librería na zona. Outro veciño, Manuel, amosábase moi molesto co proxecto, e propoñía alternativas máis eficaces, como unha “circunvalación” por fóra dos núcleos urbanos. Da mesma opinión é Antonio, outro veciño, que non ocultaba tampouco o seu malestar e apuntaba tamén que a ampliación da autoestrada non é a solución, e que habería que construír “outra ponte e outra autoestrada”, por fóra dos núcleos urbanos, “con novas entradas na cidade de Vigo”. O malestar é xeneralizado na parroquia, tal e como confirmaba Teresa, empregada dun supermercado da zona, que constata que os veciños e clientes son contrarios á ampliación da autoestrada, que suporá “moitos prexuízos para a parroquia”, afectando a vivendas e servizos públicos. Os veciños esixen tamén unha maior implicación por parte de Concello. Así o manifestaba José Manuel, que lamenta a zona de Chapela de arriba “saia sempre prexudicada polas infraestruturas”, sen ter beneficios, e pide que o alcalde “tome medidas”para evitar a ampliación. Desencantado cos políticos tamén se manifestaba Cristian, outro veciño da zona, que lamentaba que “se vaia prexudicar novamente á parroquia”, e amosábase a favor de emprender protestas e mobilizacións. Un dos veciños directamente afectados por esta ampliación, Manolo, vive a escasos metros da autoestrada. Rexeita a ampliación non só por supoñer un prexuízo persoal para el, senón porque, como a maioría dos veciños, entende que “non solucionará nada”, xa que na entrada de Vigo se fará un efecto funil. Os veciños están dispostos a emprender mobilizacións en contra do proxecto, aínda que moitos son escépticos sobre o resultado desas manifestacións, xa que unha vez que o proxecto está feito e conta con orzamento, semella imposible dar marcha atrás, aínda que non renuncian a facerse oír. O certo é que o proxecto está en marcha. O ministro José Blanco anunciou en Vigo que conta cun orzamento de 173 millóns de euros, e que as obras comezarán en abril de 2010. A AP-9 ampliarase a tres carrís en cada sentido esta autoestrada, dende o enlace de Cangas, incluída a ponte de Rande, ata o enlace de Teis. Un tramo de 6 kilómetros que afecta de pleno a Chapela. O venres celebrarase no Piñeiral do Crego unha xuntanza informativa do Colectivo de Afectados pola Ampliación da AP-9 para dar conta ós veciños deste proxecto.

Manolo afectado pola AP-9
A ampliación non resolverá os problemas de tráfico
Teresa comerciante
A ampliación suporá moitos prexuizos para a zona
Jose Manuel
Os veciños reclaman que o Concello se posicione contra o proxecto

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará