Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco mantén vivo o soño do ascenso

RR_Noticias

Os redondeláns gañaron por 1-0 ó Marín nun partido que rematou con 10 xogadores amoestados e catro expulsados. Os de Julio Álvarez manteñen a segunda praza do grupo, e cada vez están máis preto de facer realidade o soño de ascender a Terceira División. No resto de categorías a maioría foron tamén vitorias para os equipos locais, entre as que destacan a do Arcade sobre o Moaña e a do Chapela que goleou ó Ribera.

Preferente Autonómica Choco 1- Marín 0
Non se viu moito fútbol en Santa Mariña nun encontro que se converteu nun rosario de amoestacións e expulsións. Os de Redondela saltaron ó terreo de xogo moi concentrados. A súa primeira gran ocasión dos locais chegou ós 15 minutos de xogo, cando Michel centrou un balón desde a banda dereita e Kenedy rematou a porta, disparo que foi detido polo porteiro marinense Moncho nunha brillante intervención. Nada máis comezar a segunda metade, unha entrada de Manuel sobre Héctor Gómez acabou cun claro derrube, e o colexiado non dubidou en sinalar a pena máxima. Lanzou Aitor Gómez, e Moncho volveu ser protagonista ó deter o disparo. O único tanto do partido chegou no minuto 61, cunha xogada en longo sobre Aitor Gómez, que nesta ocasión non errou o lanzamento e conseguiu o gol da vitoria.
En canto ás incidencias apuntar que polo Choco foron amoestados Gorka, Hermida, Jonathan, Aitor Gómez, Kenedy, Isaac e Vicente. Por parte do Marín Moncho e Janeiro. Ademais no equipo visitante foron expulsados Manuel e Brais, ademais do adestrador Pereira e o preparador físico.
Un partido accidentado que deixa ó Choco na segunda praza, xa que o Portonovo non fallou no seu partido co Tomiño, e segue un punto por riba dos redondeláns. A próxima xornada o Choco xoga no campo do Covadonga, penúltimo clasificado.
 
Primeira Autonómica
Arcade 1-Moaña 0
O Arcade impúxose pola mínima ós do Morrazo, co que segue a manter vivas as aspiracións da permanencia. Desde a 15º posición na táboa, e con catro equipos por baixo deles, viaxarán a próxima xornada ó campo do Castrelos, equipo situado na metade da táboa.
 
Segunda Autonómica
Chapela 4-Ribera 1
Gañaron os de Chapela e por goleada. 4-1 foi o resultado do partido disputado onte no que os pupilos de Luis Ferreira foron claramente superiores, e o resultado mantenos na segunda praza do grupo, e cada vez máis distanciados dos seus seguidores, que agora están a 10 puntos. O próxima partido xógano no campo do San Esteban, equipo da metade alta da táboa.
 
Terceira Autonómica
Cesantes 2- Portas 4
O Portas impúxose en Cesantes cun xogo moito máis efectivo que os locais. Un encontro moi interesante o disputado no campo redondelán e con moitos goles. 2-4 foi o marcador final dun encontro que deixa ós de Cesantes na 8ª praza da táboa. A próxima xornada xogan no campo do Monteporreiro, (12º)
 
Arcade 5- Santomé 1
Gañou e por goleada o filial do Arcade. Unha man chea de goles no encontro co Santomé, o que sitúa ós de Arcade no 7º posto da clasificación, unha máis que meritoria praza para este equipo de xoves promesas do fútbol. A próxima xornada disputarán un interesante encontro no campo do Soutomaior, o derbi entre os dous equipos locais desta categoría.
 
Beluso 2- Soutomaior 1
O Beluso recortou distancias co Soutomaior ó impoñerse no partido de onte por 2 goles a 1. O Soutomaior segue como terceiro clasificado, pero xa con menos vantaxe sobre o 4º, precisamente o Beluso, que agora está a 4 puntos. E o domingo, derbi, reciben ó Arcade.
 
Choco 3- Sampaio 3
Reparto de puntos entre o Choco e o Sampaio nun encontro con moitos goles. O 3-3 do marcador deixa ós redondeláns na 7ª praza de grupo. A próxima xornada xogan no campo do Santa Mariña, 5º na táboa e con 7 puntos máis que os redondeláns.
 
Nespereira 2- Rubios 4
Noa derrota dos de Pazos de Borbén, e van xa 24 en 26 xornadas. Seguen como colistas do grupo e nada fai pensar que abandonarán esta posición antes de que remate a liga. O que si mellora é a súa renda goleadora, onte anotaron dous tantos, fronte ós 4 do rival. A próxima xornada xogan no campo do Castelo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará