Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco protagoniza unha remontada épica

RR_Noticias

O equipo redondelán mantense líder da Preferente sur despois de remontar un 0-1 ó Rápido Bahía con dous homes menos. Nos últimos minutos de xogo o Choco fíxose forte na adversidade e sumou tres puntos, grazas ós goles de Molinos e Aitor Gómez. No resto de categorías predominaron tamén os resultados positivos para os equipos locais.

PREFERENTE SUR
Choco 2- R. Bahía 1
Os de Julio Álvarez manteñen o liderado da Preferente sur grazas ó impresionante traballo que os xogadores fixeron nos últimos 20 minutos. Un esforzo de titáns, se temos en conta que lle deron a volta a un marcador adverso despois de que o árbitro, Blanco Losada, os deixara con 9 homes, e ata o adestrador local foi expulsado. Calquera diría que os de Redondela, despois do 0-1 do Bahía, e as expulsións de Gorka e Santi, estaba condenado á derrota. Pero nada máis lonxe da realidade. Nos últimos minutos de xogo os de Julio Álvarez fixéronse fortes e atoparon a recompensa a ese esforzo cos goles de Molinos e Aitor Gómez. A vitoria suma máis que tres puntos para manter o liderado, xa supón tamén unha importante inxección de moral para o equipo e diante da súa afección.
O encontro comezou con dominio local, e xa nos primeiros minutos tiveron ocasión de adiantarse no marcador, pero non houbo acerto de cara á portería rival. Os visitantes fixeron o seu partido, e trataron de combater como puideron o xogo dos redondeláns. Xa na segunda metade o partido foi máis lento. E no minuto 65 Gorka foi expulsado con dúas cartolinas amarelas. Cinco minutos máis tarde un balbordo de xogadores na área local foi resolto polo árbitro cun penalti. Transformouno Cacho, poñendo o 0-1 no marcador. Intres despois o colexiado volveu ser protagonista ó expulsar con vermella directa a Santi9 por un presunto golpe co cóbado a un contrario, e expulsou tamén ó adestrador local. E aí comezou a remontada do Choco, que medrou coa adversidade. Fóronse a polo partido e tiveron premio. Primeiro cun disparo de Molinos no minuto 75. Aínda non se repuxeran do empate os do Morrazo cando, no minuto 78 un excelente contragolpe do Choco foi rubricado por Aitor Gómez para poñer o 2-1 no marcador, que sería xa definitivo.
A próxima xornada xogan no campo do Gran Peña, equipo da metade da táboa
 
Primeira Autonómica
Gondomar 1- Arcade 0
A derrota deixa ó Arcade no 15º posto da táboa. E para o próximo domingo teñen un rival complicado xa que xogan na casa do Moaña, terceiro clasificado.
 
Segunda Autonómica
Chapela 1 – Xinzo 0
Coa vitoria o Chapela mantén a segunda praza na táboa e aumenta a renda cos terceiros, o Ribera, a sete puntos de distancia, despois de que colleitasen un empate co Sárdoma. E na próxima xornada volven xogar na casa os de Chapela, e precisamente enfrontaranse ó Ribera.
 
Terceira Autonómica
Eiriña 3- Cesantes 1
Derrota do Cesantes no campo do Eiriña, un dos equipos máis complicados desta liga, e que grazas á vitoria colócase no segundo posto do grupo. Na próxima xornada os de Cesantes reciben ó Portas.
 
Soutomaior 4- Salcedo 1
O Soutomaior conserva a 3ª praza do seu grupo despois da vitoria sobre o Salcedo, penúltimo clasificado. O Soutomaior foi claramente superior e goleou ó rival. Próxima xornada xogan no campo do Beluso (un posto por baixo deles)
 
Moaña 1- Arcade B 4
Vitoria e por goleada do filial do Arcade, que venceu por 4 a 1 no campo do Moaña, o que lle serve ós de Soutomaior para escalar algún posto na táboa, agora son 7º.Próxima xornada reciben ó Santomé, equipo da parte baixa da táboa.
 
Pereiro 3- ChocoB 0
Os de Redondela baixan un posto, que ceden ó Pereiro, despois da derrota do domingo. Agora os de Redondela son 7º e o Pereiro 6º. Era un encontro entre dous equipos moi igualados na táboa, e o xogo decantouse polos da casa, que foron superiores. O próximo domingo reciben ó Sampaio, da metade da táboa.
 
Alpinista 4- Nespereira 2
Os de Pazos de Borbén, aínda que con claras mellorías de cara ó gol, seguen a sumar derrotas. Nesta ocasión plantáronlle cara a un dos equipos máis complicados do grupo, o Alpinistas, pero non foron quen de deter a embestida goleadora dos locais. Seguen como colistas, na próxima xornada reciben ó Rubios.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará