Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os equipos locais perden tres puntos esta xornada

RR_Noticias

Tan só o Choco, en Terceira Autonómica, conseguiu sumar un punto ao seu marcador tras empatar a un tanto contra o Casablanca. Os demais equipos perdían fronte aos seus contrincantes.

 
Rexional Preferente
Choco-Porriño (0-3). O Choco non foi quen de superar ao Porriño. Cero tres foi o resultado dun encontro onde os porriñeses dominaron dende o primeiro minuto. En tan só media hora os visitantes sentenciaban o partido co tres goles de Cañi, Mikel e Groba. Os choqueiros non tiveron o seu mellor encontro, con erros que non desaproveitou o conxunto do Porriño. O primeiro dos goles chegaba no minuto 10 despois de que o redondelán Isma sacara un balón coas mans e rematara nos pés de Cañi, que anotaría o cero un a porta baleira. Quince minutos despois chegaría o segundo tanto da man de Mika cun disparo dende o centro do campo.
 Despois do descanso o Choco tentou remontar o marcador pero o Porriño non lles permitiu chegar a súa portería nun estadio de Santa Mariña onde 250 seareiros animaron ao conxunto local malia a chuvia.
Deste xeito o Choco queda na novena posición con dez puntos e a vindeira semana tampouco o terá nada sinxelo, xa que se enfronta a un dos líderes da categoría, o Estradense, situado na cuarta posición con doce puntos.
Primeiro Autonómica
Arcade-Salvaterra (1-2). Mala xornada tamén para os de Arcade que non conseguiron imporse ao Salvaterra. Un encontro que xa sabían difícil pero que esperaban gañar despois de superar a pasada semana ao Valadares. Pero os locais non souberon aproveitar varias das oportunidades que tiveron ao longo do encontro e perdían por 1-2 fronte ao sexto da categoría, o Salvaterra. Unha derrota que deixa aos locais entre os catro últimos da categoría, na décimo sexta posición con tres puntos. A próxima xornada terá unha oportunidade de sumar tres puntos ao seu haber xa que terá que enfrontarse ao penúltimo de Primeira Autonómica, o Caldas que polo momento tan só sumou dous puntos, no que vai de liga.
Segunda Autonómica
Chapela-Nieto (0-3). O Chapela perdía esta semana por 0-3 contra o Nieto. O Nieto demostrou a súa superioridade ao longo de todo o partido e porqué é o cuarto de Segunda Autonómica. Unha goleada que deixa aos de Chapela no noveno posto da clasificación con sete puntos. A vindeira semana tampouco o terá nada sinxelo xa que se medirá cun dos seus rivais directos o Mos, un posto por riba dos redondeláns e empatados a puntos.
Terceira Autonómica
Sampaio-Arcade (2-1). Derrota tamén para os de Arcade en Terceira Autonómica que non puideron gañar ao cuarto da categoría o Sampaio. 2-1 foi o marcador final do partido, que sitúa aos locais na sétima posición, empatado a seis puntos co Soutomaior, Beluso e Moaña. O próximo partido xogarao na casa fronte ao Caroi, o décimo da clasificación e que conta con dous puntos menos que os locais.
Choco-Casablanca (1-1). O Choco non foi quen de sumar unha nova vitoria esta semana que o consolidaría como líder de grupo. O Casablanca foi superior durante os noventa minutos de xogo, malia que tan só conseguiu sumar un punto ao seu marcador. Empate a un gol que deixa aos locais no segundo posto despois do Coia e precisamente con este equipo será co que teña que enfrontarse a vindeira xornada. Un encontro complicado que lle dará a oportunidade aos choqueiros de recuperar o primeiro posto, xa que se atopan empatados a 13 puntos co líder.
Gondar-Cesantes (2-0). O Cesantes perdía esta semana fronte ao Gondar, un dos equipos máis fortes da categoría. Dous foron os goles que lle anotaron Taboada e Ceser, do Gondar ao Cesantes.  Pero a vindeira semana os locais terán a oportunidade de sumar tres puntos ao marcador e saír da oitava posición na que se atopan arestora, xa que o seu rival será o último do grupo 17, o Portonovo, que durante estas primeiras semanas de liga aínda non sumou ningún punto a súa clasificación.
O Soutomaior, despois de gañarlle ao Santomé por 1-3 a pasada xornada, este fin de semana descansou. Un descanso que lle servirá de moito para afrontar o seu vindeiro partido xa que terá que xogar contra o líder da categoría, o Bueu. Os de Soutomaior, trala última vitoria atópase na oitava posición con seis puntos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará