Hoxe é Mércores 6 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un milleiro de persoas mobilízanse en Redondela en defensa do ensino público

ensino1

A comunidade educativa volveu saír á rúa en defensa do ensino público nunha xornada de mobilizacións convocada de maneira simultánea en 25 concellos de toda Galicia. Preto dun milleiro de persoas, entre profesorado, familias e ANPAs, participaron na protesta que percorreu o centro da vila na tarde deste mércores. Entre as principais denuncias, a comunidade educativa puxo o foco na falta de persoal docente e de apoio, a insuficiencia de recursos materiais e os recortes na atención á diversidade. Tamén alertaron da sobrecarga que soportan tanto o profesorado como as familias, así como das deficiencias existentes nas infraestruturas educativas.

A marcha arrancou pasadas as sete desde a praza do Concello e continuou pola rúa Ribeira, a N-550 e a Subida á Estación, para regresar de novo ao punto de partida. Durante o percorrido, as persoas participantes reclamaron un ensino público “universal, gratuíto e de calidade” como garantía de xustiza social.

As intervencións fixeron fincapé na necesidade de incrementar o número de profesionais e avanzar nunha atención máis especializada, ademais de cumprir coas ratios recomendadas internacionalmente, que —segundo denunciaron— na actualidade chegan a multiplicarse de maneira significativa.

Durante a protesta tamén se enumeraron carencias concretas nos centros da contorna, como filtracións e humidades en Ventosela, cubertas en mal estado e presenza de amianto en Ventosela e Laredo, a falta de renovación no colexio Alexandre Bóveda, a inexistencia de ximnasio en Cedeira ou a carencia de comedores escolares na Marisma. “Non precisamos pantallas nin polos creativos, senón investimentos e recursos que dean resposta ás necesidades reais”, reivindicaron.

Outra das demandas foi a falta de especialistas e a existencia de profesorado compartido entre varios centros, o que dificulta unha atención axeitada ao alumnado, especialmente ao que presenta necesidades específicas.

Neste sentido, reclamaron ratios máis baixas, máis profesorado e unha redución da carga burocrática.

A mobilización tamén serviu para esixir a recuperación dos dereitos laborais do profesorado e máis recursos públicos que garantan a igualdade de oportunidades. Ademais, houbo críticas ás políticas da Xunta, á que acusaron de exercer “censura” baixo o pretexto dunha suposta neutralidade ideolóxica.

A xornada concluíu co compromiso de continuar as mobilizacións en defensa do ensino público, que cualificaron como “o futuro do país”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará