A achega municipal increméntase un 160% respecto ao ano anterior para facer fronte ás novas esixencias deportivas do club, coa traiñeira masculina competindo na elite nacional da Liga ACT mentres que o barco feminino milita na LGT-F.
O Concello de Redondela e o Club de Remo Chapela oficializaron o convenio de colaboración para a presente temporada 2026. O acordo, asinado pola alcaldesa Digna Rivas e o presidente do club, Antonio Viaño, supón unha achega de 55.000 euros á entidade deportiva, o que representa unha aposta económica sen precedentes para o remo redondelán.
Este incremento no orzamento, que supón un 160% máis que os 21.000 euros achegados o pasado ano, vén motivado polo nivel competitivo do club. Na actualidade, a traiñeira masculina de Chapela compite na elite nacional, a Liga ACT, mentres que o barco feminino mantense firme na LGT-F.
A alcaldesa puxo en valor o “gran esforzo económico” que realiza o Concello, xustificado polo compromiso de acompañar ao club nos novos retos deportivos. Ademais do apoio á competición, a alcaldesa destacou un avance fundamental en materia de xustiza social: a equiparación económica das subvencións nas categorías masculinas e femininas. Esta medida forma parte dunha “aposta decidida pola igualdade real no deporte”, explica Rivas.
Con este novo convenio, o Concello de Redondela asegura a estabilidade dunha das entidades máis emblemáticas da vila, recoñecendo o esforzo dos deportistas, do corpo técnico e da directiva por manter viva a tradición do remo no máis alto nivel.









