O xogador redondelán Nico Cuello, formado na base do Redondela FS, vén de cumprir un dos grandes soños de calquera deportista: debutar na Primeira División do fútbol sala estatal. Na actual tempada 2025/26, Cuello milita no Noia Fútbol Sala en Segunda B, onde asinou un notable rendemento con 15 goles —á espera da última xornada—. O seu bo facer tivo recompensa esta mesma semana, cando dispuxo dos seus primeiros minutos na máxima categoría nun encontro fronte ao Quesos El Hidalgo Manzanares.
A súa traxectoria é un exemplo de progresión constante. Chegou ao Redondela FS na tempada 2019/20, sendo infantil de segundo ano. Durante a súa etapa como cadete competiu na División de Honra galega, e xa no seu primeiro ano xuvenil disputou a fase de ascenso á División de Honra, chegando incluso a debutar co primeiro equipo en Terceira División.
No seu segundo ano xuvenil deu un salto cualitativo, logrando o ascenso á División de Honra Xuvenil e asinando unha tempada sobresaliente con 71 goles entre o equipo xuvenil e o sénior. No último ano desta etapa xogou no Coruxo en Segunda B, aínda que regresou ao Redondela FS a metade de curso, contribuíndo á permanencia do xuvenil na máxima categoría e sendo peza clave no ascenso do primeiro equipo a Terceira División.
Ademais, durante a súa formación foi convocado coa selección galega sub-19 e coa selección de Vigo, confirmando o seu potencial desde idades temperás.
Xa no presente curso, Cuello tamén deixou a súa pegada na Copa Galicia de fútbol sala, onde debutou co primeiro equipo anotando nos cuartos de final ante o Esteo e participando nas semifinais fronte ao Vilalba.
Este debut na elite supón un paso enorme na súa carreira e reflicte anos de traballo, esforzo e constancia. Dende o Redondela FS destacan que, máis alá dos éxitos acadados, Nico Cuello seguirá sendo “un dos seus”, lembrando que “A Marea Azul é e será sempre a súa casa”.









