Hoxe é Xoves 30 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O xuvenil do Redondela FS mira cara arriba no treito final da División de Honra

WhatsApp Image 2026-04-30 at 19.13.11

Entrevista con Fer Pitart Breixo De Simón, Hugo Fernández, Pablo Argibay e Yeison González.

O equipo xuvenil do Redondela FS Xuvenil continúa a súa andaina na División de Honra Xuvenil FS cun balance positivo a falta de cinco xornadas para o remate da competición. Sétimos na clasificación, os de Redondela afrontan o tramo final do curso coa intención de “quedar o máis arriba posible” e consolidar o crecemento dun grupo que, segundo o seu adestrador, Fernando Pitart, ten como única meta “competir en cada partido”.

Na última xornada, o conxunto redondelán caeu por 2-5 fronte ao Intersala nun encontro máis igualado do que reflicte o marcador. “O partido estivo moi axustado nos primeiros minutos. Conseguimos meternos no encontro, pero dúas desconexións penalizáronnos moito”, explicou Pitart, quen recoñeceu que esa falta de continuidade “está sendo a tónica da tempada”.

Con 12 vitorias, 2 empates e 11 derrotas, o balance é satisfactorio para un equipo que compite nunha das categorías máis esixentes do fútbol sala base estatal. “Nunca falamos de obxectivos de clasificación, sempre de competir e sacar o máximo rendemento”, insistiu o técnico, destacando o nivel dunha liga na que “moitos xogadores xa alternan con equipos sénior de categorías altas como Primeira ou Segunda B”.

Os propios futbolistas coinciden en sinalar a dureza da competición, máxima da categoría. “A esixencia é moi alta en adestramentos, desprazamentos e partidos”, apuntan, ao tempo que valoran a experiencia como clave para o futuro: “Xogar a este nivel sendo xuvenís dános unha gran preparación para o salto ao fútbol sénior”.

Máis alá dos resultados, o vestiario presume de unión. “Somos unha gran familia”, repiten xogadores e corpo técnico, nun equipo no que o protagonismo individual queda en segundo plano. Aínda así, Hugo —máximo goleador con 20 tantos— resta importancia ás cifras: “Os goles están repartidos; o importante é sacar os tres puntos”.

Entre os momentos destacados da tempada, o cadro redondelán lembra con especial agarimo a vitoria por 9-6 ante un rival da zona alta como Valladolid, un partido que exemplifica o potencial ofensivo do equipo cando logra manter a concentración.

O calendario inmediato non dá tregua. Antes de enfrontarse ao CD Lugo Sala, o equipo terá que disputar un encontro aprazado en Segovia, nunha fin semana cualificada polo propio adestrador como “a máis esixente da tempada”, con dous longos desprazamentos en apenas tres días.

A isto súmase a dificultade de compaxinar deporte, estudos e traballo. “A organización é clave”, explica un dos xogadores que cursa segundo de bacharelato, mentres outro destaca que o seu horario laboral lle permite adaptarse mellor á rutina do equipo.

A tempada tamén estivo marcada polas lesións, con baixas sensibles en varios momentos do curso. “O peor é a rabia por non poder axudar ao equipo”, recoñecen Pablo e Hugo que estiveron meses fóra das pistas, aínda que agora xa recuperados.

Co obxectivo da permanencia practicamente encarrilado, o equipo mira cara arriba. “Quedar entre os cinco ou seis primeiros sería dar un paso máis”, afirma Pitart, que aposta por manter o bloque de cara ao futuro e non descartan o soño de chegar á Copa e xogar por ser os mellores de España cando sexa oportuno.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará