Baixo o lema “Xoga polo que cres. Aposta polo comercio local”, a iniciativa da Asociación de Empresas de Redondela une comercio e deporte para visibilizar o talento feminino nos campos de xogo. A convocatoria do colectivo logrou reunir unhas 150 imaxes de mulleres deportistas que pasarán a formar parte de exposición Elas Xogan que converterá os escaparates comerciais nun espazo de recoñecemento ao deporte feminino.
A campaña polo Día da Nai establece un paralelismo entre o comercio de proximidade e o deporte, destacando valores compartidos como o esforzo, a constancia e o compromiso. Nesta edición, a iniciativa incorpora unha perspectiva de xénero que sitúa no centro ás deportistas da vila como referentes sociais e exemplo de superación.
Un dos eixos principais da campaña é a exposición urbana “Elas Xogan”, que converterá os escaparates dos establecementos de Redondela nun espazo de recoñecemento ao deporte feminino. A mostra, prevista para o 2 de maio coincidindo co Día da Nai, dará protagonismo tanto ás xogadoras de equipos locais como ao deporte base, visibilizando o talento que medra na canteira. O obxectivo é construír unha mostra representativa e diversa do tecido deportivo feminino da vila.
O deporte estará tamén moi presente no sorteo que se realizará entre aquelas persoas que fagan as súas compras entre o 23 de abril e o 3 de maio e que poderán participar no sorteo dunha camiseta oficial do seu equipo favorito.
Para iso deberán rexistrar os tickets na plataforma Participa! (dispoñible ata o 6 de maio). Canto maior sexa o número de tickets rexistrados, máis opcións terán de gañar.
Xunto a estas accións, a campaña inclúe promocións e unha sección especial no Marketplace da Asociación con ideas para agasallos, reforzando así o apoio ao comercio local nunha das datas clave para o sector.
Con esta iniciativa, a Asociación de Empresarios de Redondela non só busca incentivar o consumo nos negocios locais, senón tamén contribuír á visibilización e recoñecemento das mulleres no ámbito deportivo, reforzando o seu papel como parte esencial da identidade social e cultural da vila.









