O grupo municipal do PP de Redondela anuncia que votará en contra de prorrogar o Servicio de Axuda no Fogar á actual empresa, unha decisión que se debaterá no pleno ordinario desta noite. Argumentan a súa decisión polas supostas deficiencias na prestación do servizo, que afectarían tanto á atención ás persoas usuarias como ao funcionamento xeral do SAF así como pola falta de acceso ao expediente completo do contrato, que considera necesario para poder fiscalizar a continuidade do servizo.
A concelleira Sandra Bastos sinalou que o grupo municipal leva dous anos solicitando documentación completa sobre o funcionamento do SAF, sen obtela na súa totalidade, o que cualifica como unha situación de “escurantismo” que impediría avaliar con garantías a prórroga.
Por outra banda, denuncia a existencia de incumprimentos na cobertura de horas de atención, con máis de mil horas sen adxudicar, así como unha lista de agarda próxima ás 300 persoas, entre elas casos de grande dependencia.
Tamén apunta a supostas deficiencias na prestación de servizos básicos como a alimentación, a limpeza do fogar ou a medicación. “Nos últimos anos detectáronse situacións próximas ao maltrato dos usuarios, non se despregou a atención debida durante moitas horas, houbo carencias na subministración de comida, limpeza ou medicación, abandonouse ás traballadoras -chegando a perder a coidadoras que levaban décadas no servizo- e incorreuse nunha desprotección das mesmas” asegura Sandra Bastos.
Así mesmo, o PP vincula estas eivas á xestión do goberno municipal, ao que acusa de non considerar o SAF unha prioridade e de manter, ao seu xuízo, unha falta de transparencia no seguimento do contrato.
As acusacións forman parte da posición política do grupo municipal popular, que insiste en que non apoiará a prórroga mentres non dispoña de toda a documentación e se revise o funcionamento do servizo.









