A intervención terá lugar o vindeiro 4 de maio e contará coa participación do alumnado e profesorado dos institutos da zona. O mural orixinal fora realizado en 1980 por veciñanza e colectivos locais sobre un dos laterais do “scalextric”. Agora será recreado nun muro próximo ao centro de saúde da Avenida Mendiño, cedido expresamente para esta acción. O novo mural estará dedicado ao recentemente falecido Félix Cal.
O colectivo ArteLixo coa colaboración do Concello, refará así o graffiti máis senlleiro de Redondela desaparecido fai agora exactamente 7 anos, en maio de 2019. Como o orixinal, feito pola Asociación de Veciños e outros colectivos diversos, será unha obra colectiva. Contará nesta ocasión coa intervención do alumnado dos institutos da marisma, profesorado, ArteLixo e guiado por Gerardo Rodríguez, Gerardelos ou simplemente Chere.
Aquel graffitti pintado a titanlux no formigón do scalextri no ano 1980, revivirá nun muro, cedido polo seu dono, achegado ao centro de saúde da Avenida Mendiño. A actividade encádrase dentro da iniciativa “ArteLixo Non ten Cancelas” que cada ano, coincidindo coa edición do ArteLixo, intervén portóns coa arte de muralistas experimentadas.
Nesta edición, a obra será coordinada polo artista Chere, quen incorporará elementos propios do seu traballo, como o uso de cerámica reciclada. Ademais de recuperar a estética e o espírito do mural orixinal, a intervención incluirá novos compoñentes artísticos e contará cun enfoque participativo.
A obra deste ano estará dedicada a Félix Cal e ás persoas que protagonizaron movementos de oposición a determinadas infraestruturas na vila. Segundo recollía o propio Félix Cal nunha publicación local en 2019, con motivo do tapado e destrución do mural orixinal “daquela non había grafiteiros. Había sí, xente que poñía o que podía do seu tempo para encalar, e outra xente, con mais man para o debuxo, para perfilar unhas liñas que logo se enchían co Titanlux mais barato que atopabamos na Ferretería que todos sabemos. Tiña un AQUEL o pintar nos muros fríos de formigón”. Remataba explicando que “Si o mundo dura uns anos mais, as persoas encargadas de restaurar e conservar as obras de arte, atoparán que debaixo das varias capas de Esprai había unha de Titanlux que reproducía a Marisma de Sta Mariña coa maré chea, porque o mar chegaba ata alí.”
A recreación busca agora poñer en valor ese legado e contribuír á conservación da memoria social de Redondela.











