A Lonxa de Cesantes acolleu esta mañá a presentación do cupón da ONCE dedicado á XXXIX Festa do Choco de Redondela, que se sorteará o próximo 6 de maio. Cinco millóns de cupóns levarán a imaxe da festa gastronómica máis emblemática da vila por toda España.
No acto participaron, pola ONCE, o delegado territorial en Galicia, Manuel Martínez Pan; o director da Dirección de Apoio en Vigo, Roberto Gaspar Conde; e a promotora comercial da Zona Sur de Galicia, Verónica Millán Cruciel. Pola parte municipal asistiron a alcaldesa, Digna Rivas; a tenente de alcaldesa e concelleira de Turismo, Rita Pérez; e o concelleiro de Medio Ambiente e Emprego, Alberto Álvarez. Tamén estiveron presentes membros da Confraría de Pescadores de Cesantes, coa súa patroa maior Nisi Otero á fronte.
A concelleira de Turismo, Rita Pérez, abriu as intervencións salientando o impacto da iniciativa: “Esperemos que sexa un pulo para que a xente de fóra veña e coñeza os nosos produtos”. Pérez agradeceu á Confraría por acoller o acto e puxo en valor o traballo dos profesionais do mar: “Gracias a eles a Festa do Choco é un referente, porque son os que poñen a disposición da cidadanía o noso produto estrela. Temos o mellor produto do mundo, o ouro negro que é o choco de Redondela”.
A patroa maior da Confraría, Nisi Otero, explicou durante o acto que na actual campaña se recollen aproximadamente 500 quilos de choco ao día nun período de uns 20 días, o que supón un total de arredor de 10.000 quilos. Este produto vendese ao público a un prezo que oscila entre os 10 e 12 euros, dependendo do tamaño.
O representante da ONCE, Manuel Martínez Pan, expresou o compromiso da organización coa cita: “Para nós é un pracer. Cando as cousas se din con corazón, a mensaxe chega : o choco de Redondela é o mellor produto do mundo, o ouro negro da nosa enseada”.
Martínez Pan destacou que a festa fala de “esforzo” dos mariñeiros e profesionais do mar, “aínda coas dificultades que estamos tendo neste momento”, e de “tradición gastronómica” que, a través de xeracións, converteu o choco nun “patrimonio cultural, incluso sentimental de Galicia”, presente ata nos cancioneiros populares. “Desde a ONCE estamos encantados de contribuír a esta celebración”, engadiu, “conectando o patrimonio cultural e o imaxinario colectivo coa nosa labor social”. Lembrou que a organización leva 88 anos apoiada pola cidadanía e que en Redondela traballan seis persoas que forman parte da ONCE.
O delegado anunciou que os máis de 21.000 vendedores e vendedoras da ONCE, xunto a outros canais, distribuirán os cinco millóns de cupóns o 6 de maio por todo o territorio estatal. “A 39ª edición da Festa do Choco é un reclamo máis, un das iconas que identifican a Galicia como destino turístico de calidade. O fin de semana do 8 e 9 de maio está claro que Redondela será o destino para vir a Galicia”, concluíu.
Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas agradeceu especialmente á ONCE por escoller de novo Redondela: “Non podemos pedir máis. Temos que dar as grazas como alcaldesa e en representación de toda a veciñanza por acordarse de nós e por poñernos sempre nese lugar tan importante de visibilidade”. Recordou que xa en 2022 a ONCE dedicara un cupón á Festa da Coca, as dúas celebracións máis importantes do municipio.
A rexedora confiou en que a carpa de degustación estea chea e que a xente poida probar o choco “en gran variedade de propostas gastronómicas”. O sorteo do cupón terá lugar o martes 6 de maio, xusto antes da celebración da XXXIX Festa do Choco, que se desenvolverá os días 8, 9 e 10 de maio en Redondela.









