A redondelá Paula Rojas, de 19 anos, consolidou o seu nome no panorama dos certames de beleza estatal tras acadar o posto de segunda finalista en Miss RNB España 2026, celebrado o pasado 11 de abril en Salou. Competiu xunto a outras 48 candidatas de todo o país, nun certame que, segundo explica, vai moito máis alá da imaxe superficial coa que a miúdo se identifica este tipo de concursos.
Estudante de Marketing e Publicidade, Rojas chegou ao certame tras proclamarse Miss RNB Pontevedra 2026 nunha gala celebrada en Santiago de Compostela. O seu percorrido, porén, non responde ao tópico habitual. Recoñece que iniciou esta etapa “sen buscar gañar nin sequera convencida de querer participar”, nun momento persoal no que non estaba especialmente motivada. “non estaba convencida de poder gañar”, lembra. Con todo, a medida que avanzou no proceso e tras ser coroada, a súa percepción mudou: “cando che poñen a coroa e ves todo o que podes facer, pensas que igual gañaches por algo”.
Un dos aspectos nos que máis insiste é na necesidade de desmontar os prexuízos asociados ao mundo das mises. “Hai moitas cousas que non son como parecen”, afirma, subliñando que o certame valora cuestións como a personalidade, a capacidade de comunicación ou o compañeirismo, máis alá da estética. “Non chega con ser unha rapaza guapa tamén hai que ser intelixente; se non aportas, non socializas ou non es auténtica, iso nótase”, engade.
Neste sentido, Rojas diferencia claramente entre o modelaxe e os concursos de beleza. Mentres no primeiro “o protagonismo é da roupa e do traballo técnico”, no segundo “estás vendéndote a ti mesma, como persoa”. Esta dimensión máis humana, asegura, foi unha das grandes sorpresas da súa experiencia: “Eu pensaba que sería un mundo máis frívolo, pero atopei todo o contrario, unha especie de familia”.
A súa participación tamén serve para reivindicar unha evolución no propio concepto de beleza. Segundo explica, fronte a estándares máis ríxidos do pasado, hoxe búscase unha imaxe máis natural e saudable. “Nunca sentín presión por facer retoques estéticos nin por encaixar nun modelo concreto”, asegura. De feito, destaca que a organización prioriza o benestar das participantes, mesmo en cuestións básicas como a alimentación durante a concentración. “Se non vas a almorzar poden descalcificarte dos certames”, sinala.
A preparación para o certame, iso si, require disciplina e esforzo. No seu caso, combinou os estudos cunha rutina esixente de adestramento físico, clases de pasarela e sesións fotográficas. “Non é algo que che impoñan, é o que ti decides investir en ti mesma, sobre todo en tempo”, explica. A isto súmase a aprendizaxe en ámbitos como a xestión da imaxe pública ou das redes sociais, aspectos que encaixan coa súa formación académica.
Outro dos elementos clave que destaca é o ambiente humano dentro do concurso. A pesar de tratarse dunha competición, Rojas pon en valor o apoio mutuo entre compañeiras: “non podes pisar a ninguén para subir ti; buscan persoas coas que se poida traballar”. Esta filosofía traduciuse, segundo relata, en amizades que van máis alá da gala final: “Tristemente non todo o mundo é así e pode haber xente mala compañeira, pero valoran que sexas boa persoa”.
Finalmente, a redondelá lanza unha mensaxe clara ás mozas que dubidan en dar o paso: “non podes decidir a túa vida en función do que dirán os demais”. Para ela, a experiencia vai moito máis alá do resultado: “o importante é o proceso, o que aprendes e o que levas contigo”.










