Hoxe é Venres 24 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela confirma o seu nivel no Estatal con tres medallas en bateis e preparase para a tempada de traiñeiras

674437439_1566626388801973_3258009544034212642_n

O Club de Remo Chapela pecha unha destacada campaña na modalidade de bateis, confirmando o seu bo momento tanto na elite como na base e abrindo unha nova etapa coa súa inminente participación na Liga ACT máxima categoría das traiñeiras a nivel estatal.

No Campionato Galego de bateis, a entidade asinou unha actuación sobresaínte ao proclamarse campioa nas dúas categorías absolutas, masculina e feminina, ademais de sumar dous terceiros postos en categorías inferiores. Este éxito autonómico tivo continuidade no Campionato de España, onde Chapela volveu evidenciar o seu alto nivel competitivo nun escenario máis esixente. O balance final foi de tres medallas: prata na categoría absoluta feminina —a tan só 24 centésimas do ouro— e dous bronces en sub-23 masculino e cadete masculino. Uns resultados que, segundo explica o presidente do club, Antonio Viaño, “demostran que o equipo está traballando ben e que hai canteira, con rapaces que nos van seguir dando logros no futuro”.

En canto ao equipo, Chapela mantén o bloque principal da pasada tempada, combinando continuidade con novas incorporacións, algunhas delas con experiencia na propia Liga ACT. “Hai baixas por motivos laborais ou persoais, pero conseguimos reforzarnos ben e tamén vén xente da canteira pisando forte. Mesmo conseguimos atraer deportistas galegos que estaban competindo no País Vasco e traelos de volta”, indica.

Segundo Viaño, é habitual que remeiros galegos compitan en equipos vascos debido á falta de infraestrutura e apoio institucional en Galicia. Porén, o CR de Chapela, referente tanto a nivel galego como estatal, consegue captar parte dese talento e recuperalo, grazas á súa calidade técnica e ao proxecto deportivo que ofrece.

“O remo forma parte da identidade da xente de Euskadi e conta cun apoio enorme. Aquí aínda temos marxe de crecemento, e clubs como o noso poden axudar a dar un paso adiante”, engade Viaño.

Coa tempada de bateis xa finalizada, o foco trasládase agora ás traiñeiriñas, co campionato galego previsto para o 16 de maio en Meira e o de España o 23 de maio en Castro Urdiales (Cantabria). A partir de xuño comezan a sacar á embarcación grande ao mar coa chegada da Liga de Traiñeiras

Como colofón, o Club de Remo Chapela afronta un dos maiores retos da súa historia recente. O ascenso á Liga ACT —a elite do remo de banco fixo— supón un salto cualitativo e unha oportunidade de competir contra os mellores clubs do Cantábrico. “É un antes e un despois para nós”, conclúe Viaño.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará