Hoxe é Mércores 15 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Illa de San Simón acolle a cuarta edición de Conecta Lab con seis proxectos audiovisuais

crea san simón

A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA inauguraron este martes en San Simón a cuarta edición de Conecta Lab, unha residencia audiovisual que, ata o vindeiro 20 de abril, reunirá aos responsables de seis proxectos cinematográficos que abarcan tanto a ficción como o documental e abordan temáticas diversas como a identidade, a memoria, o territorio ou a transformación social.

Nesta edición as persoas seleccionadas son Alfonso Zarauza e Ledicia Sola con Islandia, unha ficción sobre a reconstrución persoal dun home atravesado pola perda; Ariel F. Verba con El Parpadeo, unha proposta de carácter íntimo arredor da memoria e do arquivo familiar; Alba Sueiro con Barceloneta Free Tour, un proxecto que aborda desde o documental a transformación urbana e a turistificación; Luis Avilés e Ángela Andrada con ZOOS, un relato coral de ficción ambientado en Vigo sobre exclusión e precariedade; Carlos Martínez-Peñalver con Fulgor, unha historia que vincula pasado e presente a partir da investigación sobre un músico desaparecido; e Anita Pico con Shido, tamén de ficción, centrado no conflito identitario e na presión competitiva no ámbito deportivo.

O equipo de titorías está integrado desta volta por Oskar Alegría, Juana Macías, Luis López Carrasco, Ana Sanz-Magallón e Álvaro Vega, que acompañarán os proxectos tanto nos seus aspectos narrativos como nas estratexias de comunicación e presentación.

A Illa de San Simón volve ser así o escenario desta residencia, achegando un contexto singular para o traballo creativo. Ademais, ao longo da semana, a programación completarase cunha serie de actividades paralelas que incluirán clases maxistrais en colaboración coa asociación DAMA, así como encontros profesionais e espazos de intercambio entre participantes e persoas convidadas.

O director da Axencia Galega das  Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu no acto de apertura e recepción dos asistentes ao encontro, apoiado polo Goberno galego a través da última convocatoria de subvencións a este tipo de iniciativas e salientou o valor de accións como Conecta Lab para acompañar o audiovisual galego nas primeiras fases do proceso creativo “espazos como este son fundamentais para que as ideas poidan madurar en boas condicións, con tempo, asesoramento e diálogo profesional”. Neste sentido, referiuse ao marco idóneo de traballo que ofrecen as instalacións da Xunta no arquipélago da enseada da ría Vigo, cedidas tamén á Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA para acoller a cita.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará