Hoxe é Mércores 15 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Éxito do XVII Campionato Xunta de Galicia de Milla e 1km en Ruta celebrado en Redondela: podio para Ángela González e Pepe Sánchez

IMG_2617

Ángela González liderando a carreira

Redondela converteuse este domingo no epicentro do atletismo galego ao acoller, por primeira vez fóra do seu municipio habitual, o XVII Campionato Xunta de Galicia de Milla e 1 Km en Ruta, que reuniu a centos de atletas de todos os recunchos da comunidade. A xornada, organizada pola Federación Galega de Atletismo coa colaboración do Concello de Redondela e do Club de Atletismo Redondela (CAR), incluíu tamén o Campionato de Galicia de 1 km en ruta para as categorías base (Sub10, Sub12, Sub14 e Sub16), nunha mañá de deporte, espectáculo e emoción que superou todas as expectativas.

Na proba absoluta, Ángela González (Comesaña S.C.) impúxose co tempo de 5:08, mentres que Pepe Sánchez (Gimnástica de Pontevedra) dominou a masculina con 4:34. Acompañáronos no podio internacional Demeku e Debritu Paniagua (At. O Pino), Hugo García (At. Portugalete) e Pablo Ulla (Ximnástica de Pontevedra), nunhas carreiras moi axustadas e de alto nivel. A competición deixou, ademais, cinco novos récords galegos: Begoña Domínguez (Sanysec Ourense) e Amador Pena (At. Obradoiro) en Máster 40; Marina Laura Fernández (At. Sada) en F65; Begoña de Arriba (Egovarros) en F70; e Manuel Míllara (Comesaña S.C.) en M80. Saturnino González (Sanysec Ourense) igualou o récord en M60.

Foto do Podio final con representantes institucionais.

O Club de Atletismo de Redondela (CAR), anfitrión da xornada, brillou especialmente nas categorías base. A proba de 1 km rexistrou unha participación masiva e entusiasta entre os máis pequenos, coas vitorias de Lía Núñez (At. Lucense) e Pedro Moiron (Mad. Barcia) en Sub16; Valeria Mera (Eq. Ferrol) e Ángel Rodríguez (Vila de Vigo) en Sub14; Julia Martínez (Baixo Miño) e Mateo Vilela (At. Millaraio) en Sub12; e Ainhoa Conejo (S.A. Trega) e Antón Vázquez (Olympo As Pontes) en Sub10. “Houbo probas trepidantes que se resolveron na liña de meta”, sinalou o presidente da Federación Galega de Atletismo.

Na categoría máster, o CAR acadou varios podios destacados: Diego Míguez Álvarez logrou a medalla de bronce en Máster 35 con 5:08; Mar Vázquez (que compite en masculina) foi cuarto en Máster 60 con 5:59; e Antón Amoedo Giménez rematou cuarto en Máster 55 con 5:39. Unha mostra máis do bo momento do club local. A Presidenta do CAR, Ana Romasanta, mostrouse “moi satisfeita co desenvolvemento xeral da proba e especialmente orgullosa dos resultados acadados polos seus deportistas”. Destacou que, para o club, o máis importante é a inclusión e a participación de todos, poñendo o foco no deporte en si e non só nos podios.

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Pablo Sanmartín, valorou de forma moi positiva a xornada. “Partimos cun récord de inscricións porque, desde o punto de vista da Federación, é unha das competicións máis vistosas e emocionantes que temos. Pensabamos que Redondela podía ser o epicentro do atletismo galego e o resultado foi fantástico”, afirmou. Destacou a implicación do pobo, do Concello e, especialmente, do CAR: “Son un referente aquí en Redondela, tanto a nivel organizativo como a nivel de resultados propios”.

A pesar dun par de pequenos chaparróns que afectaron só o inicio da carreira absoluta masculina e o final da entrega de premios, a climatoloxía respectou a xornada. “O tempo nos respectou vendo as predicións dos días anteriores. As probas, quitando a absoluta masculina, disputáronse perfectamente sen chuvia”, engadiu Sanmartín. Eloxiou o circuíto, rápido e sen dificultades orográficas: “Demostrouse que é un circuíto completamente chan onde os corredores poden correr rápido. É un auténtico espectáculo deportivo porque ves pasar continuamente os atletas”.

O presidente tamén puxo en valor o nivel alcanzado polo atletismo galego. “Este ano coincidiu o Campionato de España en Mérida, pero o vindeiro celebrarémolo na Coruña. Estas marcas mínimas valen para os campionatos nacionais”, explicou. E destacou o crecemento da Federación, que conta con máis de 10.500 licencias e que, na tempada pasada, rexistrou máis de 250 récords galegos. “O atletismo galego está entre as tres mellores federacións nacionais. Estamos pelexando con Madrid, Andalucía e Valencia, autonomías con moita máis poboación. Iso indica o gran traballo que se está a facer desde os clubs galegos”, subliñou.

Sanmartín fixo especial fincapé no deporte base: “Case un 60 % das nosas licencias son de categorías menores. Non é obxectivo perseguir rendementos, senón a promoción e difusión do deporte. Houbo un ambiente deportivo fantástico”. Ademais, adiantou os grandes retos de 2026: o Campionato de España de Federacións Autonómicas Sub16 en Ourense o 9 de maio e, sobre todo, o Campionato do Mundo de Ultrafondo en Ames en setembro, que traerá a Galicia cincuenta expedicións de diferentes países.

A xornada rematou cunha entrega de premios concorrida e un ambiente festivo que reforza o papel de Redondela como sede de grandes eventos. Como apuntou o presidente da FGA, o éxito non foi casual: “Da parte do Concello non atopamos máis que colaboración e ilusión, e o club local mobilizou un volume impresionante de voluntarios”. Unha cita que deixa claro que o atletismo galego vive un momento doce, con base sólida, récords en alza e un horizonte cheo de ilusión.

Foto da Familia CAR xunto a representantes institucionais.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará