Hoxe é Martes 17 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O alumnado dos institutos rescata a memoria local nunha revista colectiva: Redondela Investigada

redondela investigada 1

A historia local investigada polos alumnos e alumnas dos catro institutos públicos de Redondela é xa unha realidade en papel. O primeiro número da revista “Redondela investigada” – que se presentaba oficialmente o pasado venres na Casa da Cultura- nace froito dun intenso traballo por parte dos departamentos de Xeografía e Historia dos institutos de Chapela, o IES Mendiño, o Pedro Floriani e o Instituto Illa de San Simón. Con todo, o esforzo principal estivo nas mans dese alumando que decidiu realizar un exhaustivo traballo de investigación para poder participar nun certame que busca recuperar a nosa historia, esa memoria local que non aparece nos grandes anais da historia.

“Un pequeno día para un gran evento” explicaba Paulo Jablonski, un dos profesores que se atopa detrás desta iniciativa que arrancou hai xa 4 anos cando os departamentos de historia dos catro institutos decidiron organizar, de forma conxunta, un concurso de investigación en ciencias sociais para poñer aos estudantes na pel dun historiador co obxecto de que crearan coñecemento novo, orixinal e inédito “máis aló do que puideran cortar e pegar da wikipedia ou de Chap GPT”.

Paulo Jablonski, profesor de historia

Moitos dos participantes non dubidaban á hora de recoñecer que a súa decisión inicial de participar na proposta foi “para subir nota”, con todo, a experiencia de mergullarse nas hemerotecas, visitar o arquivo municipal, navegar por páxinas web con contido local ou conversar cos protagonistas desa historia máis próxima acabou sendo máis gratificante do esperado.

Foi o caso do equipo conformado por Alba Nieto, Paula Alonso. Helena González e Alvaro Camiño. Na súa teima por coñecer máis sobre a pasado dunha entidade deportiva tan asentada na vila como é a SAR, tiveron que botar man de diversas fontes. A súa labor de investigación foi máis aló de recompilar datos xa escritos que puideron atopar principalmente na páxina Anecdotario Redondelán. Un traballo que leva por título “A marea verde: aproximación histórica á Sociedade Atlética de Redondela” que completaron cunha longa entrevista a algún dos fundadores da entidade: José Luis Cardama, Fernando Docampo e Paco Reboredo.

Os temas abordados foron varios e atopamos na revista artigos como “Redondela en garda! A historia do Taekwondo en Redondela” de Beatriz López, Uxía  García de la Pena e Ángela Llobet ou “Remando no tempo: unha aproximación á historia do remo en Cesantes” asinado por SDaniela Rubín, Sara García, Alba iglesias e Paula González.

Paro maís aló do deporte houbo quen se interesou por un negocio tan arraigado en Redondela como é La Imprenta. Coñecer a súa historia foi un percorrido que fixo Promethea Iñarrea no artigo “Non só unha libraría: unha recompilación á historia da imprenta dende os seus inicios”. A autora agradecía especialmente o apoio e colaboración que atopou entre os seus propietarios, Dosi e Rosa, “quen en todo o momento estiveron dispostos a botarme unha man”

E non podían faltar traballos centrados en elementos identitarios de Redondela. É o caso do artigo “As penlas” de Aroa Bugarín, Julia García, Abel Caride e Noa Ferreiro ou o centrado nun espazo tan emblemático como é a Illa de San Simón “unha historia non tan coñecida como se poida pensar e do que falta moita información, sobre todo en canto ao seu pasado máis remoto” explicaba un dos autores deste traballo asinado por Mauro García, Roi Martínez, Alán Rey, Andrea Roza.

Algúns dos participantes botaron man do máis próximo, elixindo como tema de estudo a vida das súas avoas. Falar cos maiores, traer do pasado as súas lembranzas e empregar as fotografías dos albumes familiares foi o xeito de dar coherencia a este relato que leva por título “Os anos de adolescencia das nosas avoas” de Mateo Fernández, Teo Mouriño, Daniel Chen e Rubén Durán, que tomaba a palabra no acto do venres.

Entre os traballos premiados hai tamén podcast. Antía Ferrín e Javier Gil foron os encargados de elaborar un traballo en torno ao uso do galego entre a mocidade, os prexuízos existentes no seu uso e opinións e suxestións para a promoción do idioma.

O profesor Paulo Jablonski agradecía tamén a colaboración do Concello que fixo posible a impresión deste primeiro número da revista que nace con espírito de continuidade “un obxecto máxico por ser a mellor forma de conservar coñecemento”.

Os departamentos de historia traballan xa na convocatoria dos próximos premios Redondela investigada que neste ano celebrarán a súa terceira edición.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará