A estrada que comunica Redondela e o Aeroporto presenta un punto que xera preocupación por motivos de seguridade viaria. Nunha das súas marxes á altura da Rabadeira na parroquia de Cedeira atópase un poste de cemento moi deteriorado na base que amosa fendas e unha inclinación pronunciada co risco de que a columna chegue a derrubarse.
O veciño denunciante alerta da inseguridade que isto provoca nunha vía con circulación constante de vehículos e tránsito habitual de veciños, o que incrementa o risco no caso de que a estrutura chegue a ceder.
De producirse a caída sobre a calzada, podería ocasionar un accidente de tráfico de consecuencias graves, ademais de posibles danos materiais na contorna e afeccións a vivendas próximas. O poste, vinculado á subministración eléctrica, podería tamén provocar cortes de luz na zona de producise a súa esborralle.
Segundo o denunciante, a situación xa foi comunicada á empresa responsable, Unión Fenosa, sen que polo momento conste unha actuación correctora visible no lugar.
A permanencia dunha infraestrutura neste estado durante semanas xerou inquietude entre usuarios habituais da estrada, que reclaman unha revisión técnica urxente e, no seu caso, a substitución ou reparación do elemento danado.
Lembran que a prevención en materia de infraestruturas resulta clave para evitar incidentes en vías de uso frecuente. A actuación temperá permitiría minimizar riscos e garantir a seguridade tanto do tráfico rodado como da contorna veciñal.










