Hoxe é Martes 27 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Goleada da SAR, empate do Chapela e derrota das Choqueiras

622784833_1460700419398214_4670500366019156509_n

Foto de Patry Rivas/Estación Balonmano

Unha fin de semana intensa na 2ª Autonómica Feminina de balonmán galego deixou resultados moi dispares para os equipos da zona.

SAR IMPERNOROESTE – DS SMITH BM AROUSA (44-18)

A SAR Impernoroeste logrou unha vitoria clara e dominante na Bombonera fronte ao DS Smith BM Arousa. Desde os primeiros minutos impuxeron o seu ritmo (12-2 aos dez minutos) e chegaron ao descanso cunha vantaxe ampla (23-9). Na segunda parte mantiveron o control e ampliaron progresivamente a renda ata o definitivo 44-18, reflectindo a superioridade sobre a pista. Nestes momentos atópanse na metade da táboa e a próxima xornada visitan o Lavadores Vigo B.

CIES OBRA CIVIL BALONMAN CHAPELA- CLUB BM ABEGONDO (21-21)

O CIES Obra Civil Balonmán Chapela sumou un valioso punto tras empatar a 21 goles contra o Club BM Abegondo nun partido moi disputado e igualado desde o primeiro minuto. Na segunda parte as visitantes chegaron a ter unha lixeira vantaxe, pero as locais demostraron carácter nos minutos finais: defenderon con intensidade o seu pavillón e anotaron os tantos necesarios para rescatar o empate no marcador final.

LIRON STORE BUEU ATLETICO BALONMAN – PASTORIZA CHOQUEIRAS (34-32)

As Pastoriza Choqueiras caeron derrotadas por 34-32 no seu desprazamento a Bueu. As visitantes comezaron dominando (1-3 nos primeiros minutos), pero aos 15 minutos xa perdían por tres goles. No ecuador da primeira parte conseguiron igualar a 10, e o encontro mantívose moi igualado durante boa parte do xogo. Na segunda metade, sen embargo, as locais conseguiron abrir unha vantaxe máis estable de arredor de tres goles que mantiveron ata o final.

A próxima xornada disputarase un derbi de gran interese: As Choqueiras recibirán no Pavillón da Marisma ao Balonmán Chapela. Actualmente As Choqueiras ocupan a sétima posición na clasificación, mentres que as de Chapela sitúanse terceiras.

AULA VALLADOLID – SAR RODAVIGO (22-25)

Na División de Honra Prata Feminina: SAR Rodavigo logrou unha importante vitoria a domicilio fronte ao Aula Valladolid nun partido moi igualado e intenso. As locais comezaron dominando (8-3 nos primeiros dez minutos), pero as redondelás reaccionaron con rapidez e deron a volta ao marcador grazas a un parcial de 0-6. Ao descanso chegouse con empate (13-13). Na segunda metade mantívose a igualdade ata o tramo final, onde o maior acerto das visitantes permitiulles pechar o encontro co resultado definitivo de 22-25.

Un traballo notable que lles permite traer os dous puntos a Redondela e situarse na sexta posición da táboa. A próxima xornada recibirán na Bomboneira ao Balonmano Leganés, actual segundo clasificado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará