A carpa de Nadal instalada na Alameda de Talo Río será esta tarde o escenario dunha festa infantil con inchables variados e un tobogán. A actividade comezará ás 17.00 horas e tamén contará cun obradoiro de chapas do Nadal personalizadas e un fotomatón de 360º para que os pequenos poidan gravar as súas animacións e caracterizacións en vídeo.
O recinto acolle ademais o mercadillo do Nadal con distintos postos de artesanía e agasallos, que permanecerá aberto desde as 11.30 ás 20.30 horas.
As celebracións do Nadal continuarán este mércores con animación de rúa e interpretación de panxoliñas que farán diferentes paradas dende as 16:30 ás 18:30. Arrancarán no Cruce de Pierres e continuarán na rúa Xosé Solla, Cruce do Ibiza, Roxelio Landeiro para rematar en Talo Río. Na carpa terá lugar o espectáculo de Lidia Mariño en colaboración coa Escola municipal de Teatro “O tizón de Nadal” e a música chegará ás 19:00 horas co grupo Desconcerto.











