O Club de Kickboxing de Arcade vén de colleitar dous podios no recente Campionato Galego de Boxeo Promesas celebrado os días 6 e 7 de decembro en San Tomé, Cambados.
Neste evento, organizado pola Federación Galega de Boxeo, os dous representantes do club destacaron cunha actuación impecable: Adrián Sabajanes conquistou a medalla de ouro na súa categoría, mentres que Iker Llamas asegurou o bronce, nunha competición moi disputada e a pesar de levar só sete meses adestrando esta modalidade.
Esta participación no boxeo, a terceira especialidade na que o club compite xunto ao kickboxing e ao savate, reflicte o espírito polivalente e ambicioso do club.
O Club Kickboxing Arcade,tamén conquistou recentemente o Campionato Galego de Savate (Boxeo Francés) en Meaño, logrando un total de 8 ouros, 10 pratas e 8 bronces, cunha participación que superou expectativas e axudou a posicionar á delegación galega entre as mellores do país.
Este ano o Club de Kickboxing de Arcade pechou a súa participación na fase da Liga Nacional de Kickboxing de Tatami Sport cunha recollida envexable de medallas: nove de ouro e catro de prata. O evento, celebrado os días 10 e 11 de outubro na localidade madrileña de Arganda del Rey, deixou un saldo moi positivo para o equipo.









