Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Éxito do Campionato Galego de Billar celebrado no CCR Chapela

WhatsApp Image 2025-11-25 at 10.33.25

O Club Cultural e Recreativo de Chapela volveu ser o anfitrión do billar galego coa celebración do Campionato Galego de Billar a Tres Bandas, organizado pola Federación Galega de Billar. As súas instalacións confirmaron, unha vez máis, por que son unha das sedes de referencia para este deporte en Galicia. Na gran final, Gustavo Varela (Billaristas Errantes Servitega) proclamouse campión absoluto tras superar nunha partida moi igualada a José María Manteiga (Sporting Club Casino da Coruña).

Os xogadores locais brillaron con luz propia: Rogelio Fortes logrou un excelente cuarto posto, Javier Pérez rematou quinto —manténdose como segundo no ranking galego da modalidade— e Jorge G. Hermida levou o trofeo á maior tacada do campionato.

Javier Pérez, un dos compoñentes do club de Chapela, mostraba a súa satisfacción polos resultados: “Estes postos de honra déixannos en moi bo lugar e demostran que o CCR de Chapela é un club competitivo e cun equipo moi sólido en calquera torneo”.

Pérez tamén destacou a diversidade deste deporte: “O billar a tres bandas é unha modalidade que acolle perfís moi diferentes e persoas de todas as idades. Aquí cabe todo o mundo”.

Por último, lanzou un convite aberto:”Animamos a toda a xente que se achegue ao noso club, coñeza as nosas instalacións e probe este deporte tan apaixonante”.

Desde o CCR de Chapela quixeron expresar o seu agradecemento “á colaboración de todas as institucións que fixeron posible o evento: Concello de Redondela, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e, por suposto, ao propio club, socios e voluntarios que traballaron incansablemente para que todo saíse adiante”.

Unha xornada redonda que reforza o liderado do club de Chapela no panorama do billar galego.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará