Foto: Arquivo
A convocatoria de folga para os días 26, 27 e 28 de novembro está a ser secundada maioritariamente no centro de saúde de Redondela. O servizo estivo atendido durante a mañá de hoxe polos tres facultativos que establecen os servizos mínimos para a atención das urxencias, mentres que o resto dos profesionais de medicina de familia secundaron o paro. En Chapela o seguimento da folga foi mínimo, con tan só un médico secundando a protesta.
O persoal sanitario de Galicia está chamado a unha folga xeral este mércores 26, mañá xoves e o venres 28. Unha mobilización coa que reivindican a retirada da categoría de Facultativos especialistas de Atencións Primaria (FEAP), melloras retributivas e de horarios nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e un plan claro para reorganizar os recursos humanos do sistema sanitario.
Unha convocatoria que chega tras unhas maratonianas negociacións coa Consellería que levou a sindicatos como UXT, CCOO, CSIF e Simega a desconvocar a mobilización tras aceptar as súas demandas a Xunta de Galicia. Reinvindicacións que pasaban pola retirada do documento debatido na Mesa Sectorial de outubro e a creación dun Plan de Voluntariedade para cubrir as gardas en Atención Primaria con incentivos, que entrará en vigor o 31 de marzo de 2026. O acordo incluiría tamén a desaparición progresiva da categoría de Facultativos Especialistas de Área (FEAP), que se integrará nunha soa figura: Médico de Atención Primaria (MAP). Sanidade acepta limitar as axendas a un máximo de 30 actos diarios e avanzar na redución das tarefas burocráticas, que os sindicatos consideran excesivas para o persoal médico.
Pola súa banda, a CIG e o sindicato maioritario dos médicos en Galicia O’Mega si manteñen a folga e reiteraron o seu chamamento aos profesionais a mobilizarse. Demandan un acordo laboral especial que regules cuestións tales como a aplicación da xornada de 35 horas, compensación de sábados festivos, a actualizacións dos plans funcionais nos PAC ou o reforzo de persoal.
Ante estes tres días de folga, establécense un servizos mínimos que contemplan unha cobertura do 100% da actividade urxente e a atención pediátrica urxente.









