As curtas “Estou contigo” baseado no texto homónimo recollido en Made in Galiza e escrito por Séchu Sende, e “Coma lobos” , relato de Carlos Casares publicado no libro Vento ferido, fixéronse co 1º e 2º premio respectivamente. O xurado destacou ademais das mensaxes dos dous traballos, a súa calidade técnica e estética nunha gala de premios que se celebrou no Auditorio Municipal de Ourense.
O alumnado levou a cabo todo o proceso creativo, pasando da idea creativa e guión, á preprodución, gravación e edición, e posprodución. A elaboración de guións, solicitude de permisos, busca de localizacións, deseño de decorados, vestiario, atrezzo, actuación, rodaxe e gravación, edición… convertéronse en partes dun traballo en equipo onde destacou a ilusión, o compromiso e madurez da mocidade de Chapela.
As curtametraxes, realizadas polo alumnado de 4º de ESO no curso 2024/25 na materia de Proxecto Competencia, pretenden, por riba de todo “transmitir o amor e o orgullo polo noso, pola nosa identidade e a nosa lingua, e a importancia de posicionarse e non ficar calados diante das inxustizas. A necesidade de defender aquilo no que cremos, mesmo cando isto implique ir contracorrente”.










