Este mercado desenvolverase o día 14 de decembro na Alameda de Talo Río (Arcade) en horario de 11:30 a 20:00h. O prazo de presentación de solicitudes para participar está aberto ata o 1 de decembro. Unha iniciativa que pon en marcha medidas a prol do respecto polo medio ambiente, a sostibilidade e a aposta polos produtos de proximidade, dinamizando o comercio e favorecendo unha segunda vida en produtos que se atopen en bo estado.
Este mercado nace coa intención de ofrecer un escaparate ás persoas e comercios para que poidan amosar os seus produtos e aumentar as súas ventas. Ten como fin dinamizar o sector económico e á vez crear ambiente de barrio, de rúa, propiciando un espazo de encontro entre a veciñanza e as persoas visitantes, para desfrutar dunha xornada de lecer e coñecer todos os recursos cos que conta o concello.
Un Mercado no que poden participar comercios locais, artesáns… e, tamén, persoas que desexen vender outros accesorios de segunda man para darlles unha nova vida. O prazo de presentación de solicitudes iniciase hoxe e rematará o luns 1 de decembro do 2025.
Para o día 14 de decembro o concello porá a disposición das persoas interesadas mesas para colocar os produtos e serán as persoas participantes as responsables de xestionar a venda. As persoas deberán adaptarse á distribución e mobiliario indicado polo Concello. Para a selección das solicitudes e dos produtos ofrecidos para a venda as persoas terán en conta o espazo e que a exposición dos produtos será en mesas. Os prezos deben ser proporcionados ao tipo de produtos e á filosofía deste Mercado de oportunidades e de segunda man.










