Os populares explican que o goberno cedeu ante a mobilización veciñal e o traballo do seu grupo e renuncia a formigonar o único espazo verde da vila. A formación liderada por Antía Rodríguez considera positivo que se opte por unha solución arquitectónica na que se priorice a zona verde, substituindo o formigonado previsto inicialmente por un paseo de lousa de pedra morena que unirá os distintos espazos e tepes de herba.
Entenden que foi a mobilización dos veciños e o traballo do seu grupo o que finalmente conseguiu salvar a única zona verde da localidade que o goberno local pretendía formigonar. Explican que o pleno extraordinario no que esixían a modificación desta actuación así como a implicación da veciñanza que empredeu unha campaña de recollida de sinaturas conseguiu que o goberno anulase a pavimentación da contorna do parque infantil.
Rodríguez afirma que o executivo de Emiliano Lage procedeu a mudar o proxecto para paliar o forte malestar social e substituíu o formigonado por un paseo de lousa de pedra morena que unirá os distintos espazos e tepes de herba, unha solución arquitectónica “na que se prioriza a zona verde e que é máis acaída e respectuosa coa contorna dun concello rural coma o noso”. Insiste en que o proxecto inicial do alcalde prexudicaba á imaxe e confortabilidade desta contorna de lecer e ademais ía xerar un problema de sobrequecemento durante o verán que impediría o uso deste espazo de convivencia, especialmente dos máis cativos.









