A céntrica rúa permanecerá pechada ao tráfico dende o 17 ao 23 de novembro. Só poderán acceder a rúa Rosalía de Castro servizos, residentes e usuarios e usuarias de aparcamentos nesta vía.Os vehículos que dende o centro de Arcade queiran dirixirse cara Pontevedra deberán facelo pola feira.
O goberno local informa tamén que a saída do parking do supermercado desta rúa estará pechada ao tráfico, o que significa que a entrada e saída para este establecemento faranse, ambas, pola entrada actual. Debido ao corte de tráfico, durante a vindeira semana, tamén haberá modificacións nas paradas do autobús, á do Chuco (Rosalía de Castro) trasladarase ao Muxica e a do Corse (avenida Xosé Solla) trasladarase ao Cruce de Pierres.
Estes cambios na circulación son consecuencia dos traballos de humanización do Camiño de Santiago que entran na súa recta final. Cun investimento de 750.000 euros, dos cales a metade corresponden a fondos propios municipais e a outra metade a unha subvención do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, do total investido, case 150.000 euros irán destinados a renovar a rede de sumidoiros e a protexer a ría de verteduras nunha zona de especial incidencia.









