Hoxe é Sábado 13 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Mercedes Maseda: A acuarela como ponte entre a natureza e o persoal

unmerche

Mercedes Maseda (@unmerche), pintora de Burela afincada en Chapela, ten transformado a súa paixón pola acuarela nun proxecto que une arte e natureza. Con raíces mariñeiras, Merche atopa na paisaxe, no mar e nos detalles do cotián a inspiración para as súas obras, que se poden atopar en tendas, feiras e exposicións por toda Galicia. A artista prepara xa a súa campaña de Nadal con decoracións personalizadas que convidan a valorar o feito a man.

O camiño de Maseda cara á pintura profesional comezou de forma case accidental. “Eu pinto dende sempre, pero a nivel persoal. Foi a raíz de que a miña parella me regalou un ano de clases de pintura na Escola de Arte de Vigo, e aí funlle dando forma ao que podía ser un proxecto emprendedor. Era complicado, pero permitiume darme un pouco a coñecer e facer o meu traballo a máis público”, explica a artista, que se define máis como pintora que como artesá.

Ademais da súa faceta artística, Maseda é educadora social nun centro de menores, onde desenvolve talleres e actividades con nenos. Alí, as manualidades son unha ferramenta esencial. “Encántalles, e sempre estás buscando cousas que facer con eles. A arcilla descubrina como algo que lles gusta, e a min tamén: tranquilízame, reláxame. Creo que ten moitas actitudes para converterse nunha ferramenta de terapia, incluso igual que a acuarela”, conta. Esta dualidade entre o traballo profesional e a creación artística reflicte o seu compromiso coas persoas e coas emocións.

O estilo de Maseda está profundamente enraizado na natureza, un mundo que a atrae desde a infancia. “Por gusto persoal, todo o que é a natureza e o mar me atrae moito. Son dun pobo mariñeiro. Despois, son moi celosa da miña infancia, do meu lugar, do meu entorno”, engade.

Pero non só a natureza salvaxe define a súa obra: as casas, especialmente as en ruínas, son outra fonte de inspiración. “Descubrín que as texturas das pedras, os ladrillos, a tella, a lousa, as casas en ruínas que mesturan vexetación con materiais de construción me suxiren e me motivan para pintar. Moitas son da zona: algunhas de Chapela, outras do meu pobo en Burela, ou de viaxes. En Chapela hai moitas que destacan”, explica.

Unas das obras que máis lle identifican –e así o di a xente– son os debuxos de faros. “Tiveron moi boa acollida, especialmente un faro que pintei de Burela, que está a ter repercusión e polo que me recoñecen”, detalla.

O traballo de Maseda non é só estético; ten un valor engadido que a artista quere salientar. “Hai que ter en conta o mimo, o tempo e a atención que canalizas nas obras feitas a man. Isto é algo que me gustaría que a xente tivera en conta”, facendo fincapé na importancia de apoiar o comercio local e aos artistas independentes.

Para esta Nadal, Maseda ofrece decoracións orixinais e personalizadas, como minimarcos con acuarelas –por exemplo, con imaxes de mascotas– ou traballos por encargo en acuarela de todo tipo. Taballos de cerámica e a arcilla  tamén–aproveitando a porosidade deste último material para fusionar con acuarela e crear pezas únicas, onde o secado imprevisible xera tons sorprendentes.

As súas pezas poden atoparse no Instagram @unmerche, na tenda Bradouro de Redondela, en feiras como o mercado do Calvario de Vigo –no que ten previsto participar–, en exposicións itinerantes e no seu pobo natal de Burela. Nun mundo de produción masiva, Mercedes Maseda lembra que a arte verdadeira é esa que conecta, que relaxa e que, como a súa acuarela, deixa que os tons sorprendan.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará