Hoxe é Martes 3 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Juan Migueles publica o “Calendario histórico de Redondela”: outro xeito de achegármonos á historia local

juan libro

O responsable do blog “Anecdotario Redondelán” dá un paso máis na súa teima de recompilar e divulgar a historia de Redondela. Faino a través dun libro que presenta a historia local como un calendario de feitos destacados acontecidos no noso concello. O libro, editado por Alvarellos Editorial e promovido dende Normalización Lingüística, está ilustrado con máis de cen fotografías e xa está a venda nas librarías.

Autor do libro sobre a parroquia de Cedeira, incluído dentro da colección de libriños que publica o Concello para dar a coñecer todos os recunchos do municipio, este novo proxecto serve para dar a coñecer a nosa historia dun xeito “ameno e entretido entre todos os públicos”. Así, nas súas máis de 300 páxinas ofrece de xeito breve e rigoroso a información recollida por Migueles dende o ano 2008, data na que comezou a investigar e mergullarse en xornais, arquivos e documentación variada co obxecto de dotar de contido o seu blog anecdotarioredondelán. A partir de toda esta información contrastada e verificada, tras recibir a proposta do Concello centrouse en darlle a forma máis axeitada para “ir encaixando cada dato cunha data concreta do calendario”.

O resultado, un libro divulgativo e ameno que se apoia tamén nas imaxes “máis dun cento de fotografías das máis de 40.000 que atesoura no seu arquivo persoal” e que serven para ilustrar os feitos políticos, culturais e históricos que recolle neste calendario de efemérides acontecidas en Redondela.

Entre todos os episodios atoparemos tamén datos curiosos e sorprendentes como a historia dun veciño de Cesantes que foi presidente do Betis, os rapaces de Cedeira que milagrosamente salvaron a vida tras caer dende o viaducto, os coñecidos enfrontamentos das traballadoras de Regojo coa policía ou mesmo as loitas estudiantís dos anos 80 que levaron ao arresto dalgún rapaz da nosa vila. E como non, referencias tamén ao noso patrimonio con elementos tan senlleiros como as mámoas dos nosos montes “máis antigas que as pirámides”.

O libro xa está a venda nas librarías a un prezo de 23’90 euros e está prevista unha presentación pública o 20 de novembro ás 19:30 na Oficina de Turismo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará