As entidades beneficiarias son Andaina, Lenda, DaMan, Asociación contra o Cancro, Fundación Amigos de Galicia, Afaga, Cáritas, Fundación Santa Cruz e Asociación de Axuda ao Pobo Saharauí que percibirán diferentes contías que van dende os 1.750 aos 20.000 euros.
Os representantes destas asociacións e entidades que realizan labores sociais e asistenciais no municipio asinaron o convenio coa alcaldesa, Digna Rivas, nun acto no que participou tamén a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Iria Vilaboa. Desde o Concello salientan que neste exercicio adiantouse a sinatura destes acordos ao mes de outubro, o que facilita o traballo de organización e xestión dos diferentes colectivos. O importe total dos nove convenios ascende a 97.280 euros.
Andaina, asociación sen ánimo de lucro creada por familias de nenos e nenas con diversidade funcional, percibirá 20.000 euros, mesma cantidade que recibe Lenda, asociación de Saúde Mental que presta atención, asesoramento e información aos enfermos e familiares.
Afaga Alzhéimer, entidade que realiza actividades para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer e outras demencias que organiza talleres de estimulación en Redondela incrementa a subvención con 3.000 euros máis con respecto ao exercicio anterior, cun total de 18.000 euros.
No convenio con Cáritas Redondela-Vilavella a subvención ascende a 20.000 euros mentres que a Asociación Española contra o Cancro percibirá 6.000 euros. Esa mesma cantidade é a que recibe a Fundación Amigos de Galicia, cuxo traballo se centra na prevención da exclusión social de familias en situación de risco con menores a cargo.
Outra das entidades coas que se asinou un convenio é a Fundación Santa Cruz, que traballa para mellorar a calidade de vida de colectivos en situación de desprotección especial e que xestiona un albergue e casa de acollida recibe 3.000 euros.
A ONG DaMan asinou o convenio por un importe de 2.500 para a súa labor de mellora das condicións de vida das comunidades máis pobres do mundo, onde realiza intervención sanitaria e educativa, así como campañas de sensibilización dentro do ámbito municipal.
Finalmente o convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí ascende a 1.780 euros.









