Representantes do audiovisual discutirán este domingo a viabilidade de series de proxección internacional inspiradas no noso pasado nun acto aberto a quen queira achegarse. A xornada arrancará ás 12:00 horas e non precisa de inscrición previa.
Moi poucos galegos saben que Santiago lle disputou á mesma Roma a sede papal, ou que o Duque de Lancaster chegou a ser rei no século XIV dunha Galicia aliada a Portugal. Estes son un par de exemplos dos moitos feitos que agocha a nosa historia, que poucos de nós coñecemos e que algúns cineastas quere explotar a nivel internacional. A cita para falar da produción dun Xogo de Tronos galego terá o próximo domingo 26 de outubro no castelo de Soutomaior, durante a II Xornada Manoel Vello A historia de Galicia como motor cinematográfico, organizada pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello en colaboración co concello de Soutomaior e Deputación Provincial.
Un acto no que se porá en valor a historia de Galicia “chea de épica, romances, traicións, batallas, grandes heroes e conquistadores” e que ben pode ser argumento de película.
O acto comezará ás 12:00 horas coa benvida do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e da presidenta da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, Carolina Silva. Trala apertura chegará a quenda da intervención do investigador histórico José Manuel Barbosa, autor de “A evolución histórica dos limites da Galiza” e de “Porque que caiu a Galiza?”. Barbosa arrancará contándonos feitos da nosa historia descoñecidos para a maioría dos galegos e que ben se poderían levar ao cine en virtude tanto da súa repercusión na construción europea como na súa capacidade dramática.
Pola súa banda, o director e escritor Tomás Martínez e Iago de Sants, director de cine de inmersión, exporán, xunto co escritor de novela histórica César Pazos, as posibilidades reais de converter en filme a nosa historia e distribuíla polos circuítos ou plataformas internacionais.
César Pazos, impulsor desta xornada explica que o obxectivo é extraer ideas que se poidan levar ao cine e poidan resultar interesantes para produtores e directores.
A II Xornada Manoel Vello “non é unha mesa de cine, é un chamamento aos que cren que a nosa historia ten que ser contada como nunca antes”.











