As actividades organizadas pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande chega nesta fin de semana ao Meirande logo do adianto do pasado sábado co desfile das tropas polo centro da vila. Dende as 11:00 horas do sábado e ata o mediodía do domingo, o público poderá gozar de obradoiros e representacións teatrais que rememoran a Batalla naval do ano 1702 entre as tropas angloholandesas e hispanofrancesas. Haberá tamén unha charla a cargo de José Martínez Crespo
Os organizadores do evento amosan o seu optimismo ante unha cita que parece vai contar con bo tempo logo de varias edicións nas que tiveron que loitar contra chuvia. Con todo, a carpa asegura que todas as actividades se desenvolvan con normalidade. Poñen así o colofón a catro meses de traballo nos que máis de 40 persoas participan, moitos e moitas como actores nas diferentes representacións que se vivirán tanto no exterior como no interior do museo Meirande, aproveitando a escenografía que representa un camarote dun galeón.
As representacións que terán lugar ao logo do sábado e domingo buscan trasladar ao público asistente o que aconteceu hai xa 323 anos nese estreito de Rande. Un programa con actividades para todos os públicos e que se desenvolverá durante toda a xornada do sábado dende as 11:00 cando se proceda á apertura dos postos do mercado tradicional e ata as 21:30 horas cando está prevista a tirada de fogos de lucería co espectáculo “Arde o mar”. As programación repetirase na mañá do domingo dende as 11:00 ata as 13:30 horas.
Nesta ocasión e como novidade haberá unha charla a cargo dun experto na Batalla, o redondelán José Martínez Crespo autor da obra “la flota de Indias y el combate de Rande en Galicia: estudio histórico y colección documental (1699-1704).













