Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela adopta medidas preventivas ante unha posible alerta por seca

auga

O goberno local restrinxiu no último mes regos e baldeos para reducir o consumo de auga nos servizos públicos e as duchas das praias permanecen pechadas. A boa nova é que o plan de modernización da rede e a reparación de fugas permitiu ao Concello aforrar máis de 50.000 metros cúbicos de auga ao mes, sendo un dos poucos municipios da provincia que consegue reducir o seu consumo este ano.

Augas de Galicia vén de decretar a “prealerta por seca moderada” ante a falta de chuvias e a baixada do nivel dos encoros. Ante esta situación dende o Concello aseguran que dende hai meses xa traballan cun plan de axuste para reducir o consumo de auga nos servizos públicos recortándose un 70% os sistemas de rego en parques e xardíns  e limitándose os baldeos das rúas a un día por semana e só en zonas puntuais”. Lembran que ás fontes ornamentais do municipio que están en funcionamento, son elementos que funcionan cun circuíto pechado de auga que non xera consumo.

Plan de mellora na rede de abastecemento

O departamento de Infraestruturas e Sostibilidade traballa desde 2023 nun plan de “boas prácticas” para a modernización da rede de abastecemento de auga e a reparacións de fugas. Estes traballos permitiron aforrar unha media de 50.000 metros cúbicos de auga o mes, “reducimos o gasto de auga ao equivalente de consumo de 3.000 fogares” explica o concelleiro Roberto Villar quen afirma que “Redondela é un dos poucos Concellos da provincia de Pontevedra que conseguiu reducir o consumo de auga nos últimos anos”.

Os datos corresponden ao depósito situado en Quintela e que subministra auga para todas as parroquias do municipio, agás Chapela. O obxectivo deste departamento é seguir nesta mesma senda “cun traballo a medio e longo prazo que hai que ir despregando en todas as parroquias”. Trátase de favorecer un uso responsable da auga e optimizar este recurso natural “que é un ben escaso e esencial”.

Villar incidiu tamén en que un 30% da poboación do Concello de Redondela non depende destes recursos da rede municipal, xa que se abastecen das comunidades de augas privadas que existen nas diferentes parroquias. Polo de agora ningunha destas comunidades de augas presenta problemas de abastecemento.

Desde o Concello fan un chamamento á cidadanía para que faga un consumo “racional e responsable da auga”. O uso debe limitarse ao consumo doméstico, evitando regos de hortas e xardíns, enchido de piscinas ou lavado de coches.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará