O programa centrouse exclusivamente no alumnado muller co obxectivo de abordar problemáticas específicas que afectan á empregabilidade feminina. Rematado o programa a Asociación entende que foi todo un éxito ao lograrse unha inserción do 65% das participantes, mulleres que acadaron un emprego por conta allea ou decidiron poñer en marcha algunha iniciativa de autoemprego derivada do asesoramento recibido en emprendemento.
Julia Alonso explica dende a Asociación de empresarios que por primeira vez decidiuse orientar este programa especificamente a mulleres poñendo o foco nos problemas de empregabilidade feminina. En total foron 100 as alumnas que participaron nesta formación desenvolvida ao longo de todo o ano.
Ao longo do proxecto realizáronse diversas accións para contribuír á mellora da ocupabilidade e empregabilidade das participantes, como formación de atención ao cliente, competencias dixitais, formación transversal, xornadas para fomento da capacidade emprendedora así como a realización de convenios de prácticas non laborais que permitiron ás participantes ter un contacto directo coas empresas. Tívose en conta tamén que a formación estivese vinculada ás ofertas laborais que existen no entorno.
Este programa, que conta co respaldo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, está a demostrarsegundo explican dende a Asociación “que é modelo de intervención eficaz, transformadora e que nesta edición ademais puxo o acento na loita contra o desemprego feminino, especialmente nun contexto local como o de Redondela, onde a taxa de paro entre mulleres supera a media comarcal e evidencia a necesidade de accións específicas e integradas”.
O éxito do programa leva á asociación a traballar nunha nova convocatoria de cara a un futuro próximo.









