Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Pablo Carreiro: «Redondela tiña que estar en “Xirarei!”»

yKzOfSFcqSWzhc535zVhIi7ZQOs3k5SM0qXBOgun

O ilustrador e creador de banda deseñada vigués Pablo Carreiro achega aos lectores unha viaxe visual e cultural por Galicia coa súa obra “Xirarei!”, un cómic no estilo manga que mestura humor, tenrura e unha profunda admiración pola nosa identidade. Inspirado nas tradicións ancestrais e nos recantos emblemáticos da terra, este volume convida a un percorrido cheo de anécdotas chispeantes, lendas máxicas e personaxes entrañables, cunha homenaxe especial a Redondela que reflicte o compromiso do autor coa cultura local.

Xirarei! –como indica o seu título– é unha xira que fago eu mesmo como narrador camiñante por Galicia, pola nosa cultura e acompñado da miña cadela”, explica Carreiro. Fala de costumes, da fala, de lendas e fai unha ruta xeográfica, celebrando persoeiros e a nosa terra como un canto de amor por Galicia. O proxecto naceu hai uns anos, tras a publicación do seu anterior cómic “Ukiyo!”, un fillo espiritual dedicado a Xapón e á súa cultura. “Entón sentín o compromiso facer algo pola nosa terra. Quería algo didáctico, divertido, unha conversa  co lector”, engade o autor, que converteu esa idea nunha experiencia accesible para todos os públicos.

O tomo ofrece unha selección variada de temas, cunha ollada aos recantos máis queridos de Galicia. E Redondela, como non podía ser doutro xeito, ocupa un lugar destacado. “Aínda que eu son de Vigo, teño moita influencia das tradicións e a cultura de Redondela. Hai unha páxina enteira dedicada a explicar a lenda da Coca e a danza das espadas“, detalla Carreiro, subliñando como este municipio se converteu nunha peza da súa homenaxe visual.

O amor de Carreiro polo manga remóntase á súa infancia. “O meu romance coa cultura xaponesa foi dende moi pequeno, cando vin por primeira vez ‘Sailor Moon’. Enamoreime e trato de viaxar a Xapón polo menos unha vez ao ano”, confesa. Recoñece que o interese polo xénero crece en Galicia: “Hai cada vez máis xente interesada no manga. Antes eras o raro da clase, e agora, cando vou a actividades nos colexios, vexo moita aceptación. É ao revés: o raro é o que non o lee. Debémoslle moito ao Xabarín Club, porque grazas ás canles autonómicas chegaron os animes ao público infantil. O éxito de ‘Dragon Ball’ foi o que impulsou a publicación do manga neste país”.

No trazo de “Xirarei!”, Carreiro fusiona o seu estilo persoal coas iconas tradicionais galegas, respectando a esencia pero dándolle unha volta fresca e pop. “Ten o seu aquel converter toda a información nunha narrativa visual e leválao ao manga. Para min, é o máis sinxelo do meu traballo, porque vai polas veas e é o que me define. O máis difícil foi recopilar a información e seleccionar ben cada tema”, admite o ilustrador.

Esta paixón pola cultura local materialízase tamén na súa colaboración coa tenda de artesanía Bradouro, un proxecto que forma parte da celebración da identidade de Redondela. Na tenda de Diego poden atoparse láminas deseñadas por Carreiro que forman parte da colección de Xirarei! –unha en formato collage e outra como un roteiro para coñecer Redondela nunha pequena xira polos seus lugares e elementos emblemáticos–. Ademais, colaboraron en pins, chapas e chaveiros que, segundo o autor, “teñen un toque cool, pop e con referencias ao manga tamén”.

Colección de Pablo Carreiro con Bradouro.

A traxectoria de Carreiro é un exemplo de reconversión apaixonada. Nado en Vigo en 1985, licenciouse en Psicoloxía pola USC, pero abandonou esa vía para entregarse á banda deseñada e á ilustración. En 2019 debutou con “Chico!#1″ (LibrosPuntoCom), que narra a vida cotiá do seu alter ego Berto e as súas amigas, unha serie que continuou en “Chico!#2” (LibrosIndie). Devolveu aos seus personaxes á adolescencia en “Chico! Los que van detrás de la fila” (Editorial Siete Islas, 2022) e “Chico! Lo que me gusta del verano” (Editorial Siete Islas, 2024), dous volumes nos que a ficción e os recordos persoais se entrecruzan. Percorreu o país coa exposición “VivaSpice”, unha celebración das súas amadas Spice Girls, e en 2021 publicou “Ukiyo!” (LibrosIndie), un simpático percorrido por Xapón.

Para rematar cun toque cómico e animado, Carreiro invita á xente de Redondela a achegarse á súa obra cun guiño ás súas inspiracións pop: “¡Spice up your life!”. Un chamado a revitalizar a nosa cultura cunha dose de retranca e cor, tal e como fai nestas páxinas cheas de agarimo galego.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará