Foto da SAR de Patry Rivas
A SAR OPmobility e o BM Chapela comezaron con bo pé a Primeira Autonómica de balonmán, sumando vitorias contundentes nos seus debuts:
A SAR OPmobility iniciou a súa andaina na Primeira Autonómica cunha vitoria contundente fronte ao AD Carballal, disputado no pavillón Municipal da Bomboneira. O equipo local impúxose por un claro 32-16, nun partido que, malia un arranque dubidoso, serviu para demostrar a autoridade dos seus xogadores. O comezo do encontro non foi nada sinxelo para a SAR OPmobility. Algúns erros e desaxustes defensivos permitiron aos visitantes adiantarse no marcador, cun 4-6 ao minuto 15. Con todo, dende ese momento, o conxunto local reaccionou con forza e determinación. Un parcial espectacular de 10-1 inverteu por completo o signo do xogo e permitiu aos seus chegar ao descanso cunha vantaxe sólida de 14-7.Na segunda parte, a dinámica mantívose a favor dos locais. Unha defensa férrea e ben organizada neutralizou as opcións do AD Carballal, limitando aos rivais a moi poucos goles. Isto permitiu á SAR OPmobility ampliar a diferenza ata o 32-16 final. Este gran inicio de liga ilusiona aos rapaces da SAR OPmobility, que xa miran á próxima xornada: un desprazamento sempre complicado á pista do Seis do Nadal, o actual campión da liga. O duelo promete unha máxima intensidade e un bo espectáculo para os afeccionados.
Na mesma competición, o BM Chapela sumou os seus tres primeiros puntos nunha salida complicada. O equipo visitante derrotou ao Lavadores por 28-34, nun partido que serviu para consolidar o seu bo nivel e comezar con pé dereito a tempada. A próxima xornada volven a desprazarse para xogar contra o BM Linea 21 Lignum Plus.









