David e Lidia
Tras máis dunha década de éxitos xuntos nos escenarios, a parella de baile David e Lidia, fundadores da escola Dansarey, decidiron poñer fin á súa carreira como bailaríns profesionais. O anuncio, cargado de emoción, produciuse no recente congreso de baile en Sevilla DYD be Unlike, onde o público se puxo de pé nun homenaxe improvisado que deixou a moitos con bágoas nos ollos. Agora, o seu ambicioso novo capítulo céntrase en dirixir por completo a súa academia en Redondela, co reto de guiar as súas formacións ata o podio do Campionato Europeo 2026.
A decisión, meditada, non xurde dun esgotamento físico, senón da necesidade de equilibrar vida familiar, compromisos e a crecente demanda da súa escola. “Por agora, todo vai bastante ben, porque acabamos de tomar esta resolución e non nos retiramos de golpe. Temos que finalizar os contratos pendentes deste ano “, explica. “Foi unha elección que viñamos pensando dende hai tempo. Aproveitamos o evento en Sevilla, organizado polos nosos profesores e amigos Daniel e Desirée, que sempre nos apoiaron. Levábamos oito anos subindo a ese escenario internacional con shows inesquecibles, así que fixémolo alí. Todo o mundo se levantou, houbo xente chorando de emoción… Foi como unha pequena homenaxe, e pensando que todo chega ao seu final, pero facéndoo nun bo momento para nós”.
David e Lidia comezaron a súa andaina en 2011, cun primeiro Campionato Nacional en Cádiz que os clasificou como campións galegos. Sete anos seguidos representando a Galicia, en competicións por toda España, Cantabria e Asturias. Forxaron non só un palmarés destacable, senón tamén amizades duradeiras. “Esos primeiros campionatos son os que mellor recordo teño, porque todo era novo. Tiñas que gañar a eliminatoria autonómica e logo clasificarte para a final nacional. Fixemos un montón de amigos en Santander e Xixón; de feito, moita xente que coñecimos alí foi á nosa voda, e nós á deles”, rememora David. “Nesa época, o baile era máis familiar, cun bo rollo xenuíno. Hoxe, coas redes sociais, todo é máis impersoal, hai moito postureo. Esa presión constante, con todo o mundo gravando e querendo fotos co ‘artista’, foi outro motivo para deixalo. Antes, os eventos eran puro disfrute; agora, hai demasiadas ‘estrelliñas'”.
A pesar da emotividade do adeus –”Sinto moitas emocións, porque son de escenario. Subirme, poñerme o traxe e bailar foi un dos mellores momentos da miña vida“–, a parella asegura estar en plena forma. “¿Hai data de caducidade na danza, como no fútbol? Físicamente estamos ao cen por cen. Coidámonos, entrenamos no ximnasio onde temos boxeo e full contact. Poderiamos seguir dando o callo uns anos máis. O principal motivo é a conciliación familiar“, aclara David. Cunha escola que absorbe cada vez máis tempo –preparando coreografías, asistindo a campionatos e xestionando equipos de competición–, xa non lles dá a vida para compaxinalo todo. “Comezamos a escola pouco a pouco, pero agora temos bastantes agrupacións. Atámonos todos os fins de semana, e non podes estar en todo. O mellor é retirarse en todo o alto, cando aínda das un bo show”. Outro fito inesquecible foi a súa participación en dous Mundiais coa súa compañía, fai case un par de anos, xunto a alumnos e alumnas que hoxe son profesionais.
O congreso en Sevilla combinou talleres diurnos con parellas de todo o mundo e shows nocturnos seguidos de festas sociais ata o amencer, reuniu a dous grupos de Dansarey procedentes de Redondela. “Fixemos catro shows. O venres e sábado, as Queens brillaron con dúas coreografías. Pero o mellor foi o das KukiLadies, mulleres de Redondela e Vigo que renderon homenaxe a Grease cun musical impecable”, detalla David. A temática do sábado era a Feira de Abril, o domingo animal print, e o atrezo incluíu un coche de Grease a tamaño natural que serviu de photocall. “Todo o mundo se divertiu moito; os organizadores vírono e dixeron: ‘Queremos este show'”.
A bachata, segundo explica, evolucionou drasticamente na era dixital, e David non dubida en criticar as súas sombras. “As redes axudan a darte a coñecer, é máis global –ata en China bailan bachata grazas a elas–, pero antes contratábanche polo teu trato en talleres, shows e bailes sociais. Hoxe, todo se mide en seguidores e likes. É unha cortina de fume. Ten pros e contras”.
Precisamente esa perspectiva é a que transmiten aos seus máis de 600 alumnos: humildade e bo rollo por riba de todo. “O primeiro é a humildade. Xera bo rollo, e non importa o bo que sexas: non hai que ser unelitista. Se che pide bailar alguén de menos nivel, faino cun sorriso. Eu non digo que non a ninguén, sexa unha señora de 60 anos co básico ou unha profesional. Hai xente que só baila co seu igual para ‘quedar ben’ en redes; iso pecha portas. O bo rollo abre todas: se bailas con todo o mundo, ao día seguinte sácante a ti. Ser así é pan para hoxe e fame para mañá”.
Con seis agrupacións xa clasificadas para o Europeo de 2026 –cuxa data aínda non se confirmou–, Dansarey acelera preparativos. A tempada arranca en decembro con competicións nacionais e galegas, e non paran: en febreiro, as Queens compiten en Málaga; en maio, teñen o Galego en Narón. Cada dous ou tres meses hai un evento, sumado ao seu congreso anual propio no Pavillón da Marisma, que o ano pasado reuniu a 800 persoas de escolas galegas. “Traballamos día a día, preparando coreografías novas e repasando as anteriores. Os fins de semana son intensos”, resume David.
O futuro pinta prometedor. “Con seguir así, sempre cara arriba, estamos máis que felices. Son todos uns profesionais, e do seu nivel estou orgulloso”, conclúe. Dos focos á formación, David e Lidia non deixan o baile.











