Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Reboreda en Jazz” regresa ao Carballo das Cen Pólas

WhatsApp Image 2025-09-03 at 14.25.32 (1)

Redondela prepárase para acoller este sábado, 6 de setembro de 2025, unha nova edición do festival “Reboreda en Jazz”, que terá lugar no emblemático espazo natural do Carballo das Cen Pólas, en Reboreda, a partir das 12:30 horas nunha sesión vermú. Organizado pola Asociación de Veciños Alvedosa Reboreda, coa colaboración da Asociación Cultural de Festas Santa María de Reboreda, a Sociedade Labrego Cultural de Reboreda e Sinha Paca, o evento promete unha xornada chea de música, natureza e actividades para todas as idades.

A programación comezará cunha comida campestre que incluirá paellas, unha opción vexetariana e un menú infantil, a prezos reducidos para cubrir os gastos do evento. Desde a organización, invítase aos asistentes a traer os seus propios alimentos e manteis para gozar dun picnic ao aire libre. Ademais, subliñan que o pagamento da comida será exclusivamente en efectivo, mentres que o resto das actividades serán de balde.

A música será a gran protagonista da xornada, con concertos das bandas locais Only Cash e Harpo e Chico durante a sesión vermú. Pola tarde, o festival continuará coas actuacións do Trio El Sueño de Galiope, que substitúe á Navia Swing Band por imprevistos de última hora, e Red Duck Blues, que pechará o evento arredor das 20:00 horas.

Para os máis pequenos, ás 16:30 horas haberá unha actividade infantil titulada “Explorando a natureza”, organizada por AlecRin Actividades de Aventura en colaboración co Concello de Redondela. Esta proposta permitirá aos nenos descubrir a fauna e a flora do entorno dun xeito lúdico e educativo.

Un espazo natural con historia e reivindicación

Javier Sotelo, representante da organización, destaca a importancia do Carballo das Cen Pólas, un prado adquirido pola Xunta de Galicia hai máis de 30 anos coa promesa de convertelo nun espazo cultural e de lecer. “Cando se comprou, instalouse un monolito e falouse de crear un pequeno auditorio con infraestruturas para eventos culturais e de ocio. Porén, desde entón, non se investiu nada, e o lugar quedou abandonado, coa vexetación crecendo sen control, incluíndo especies invasoras”, explica Sotelo. “Co festival Reboreda en Jazz e outras iniciativas como Arte Lixo, comezamos a limpar e darlle vida a este espazo, que ten un gran potencial pola súa biodiversidade e as súas características para acoller eventos sostibles.”

A organización aproveita a ocasión para reivindicar á Xunta de Galicia e á Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo a dotación de servizos básicos como luz, auga, aseos e unha xestión adecuada da limpeza e da vexetación. “Queremos que este lugar se converta nun espazo de ocio integral e sostible, onde a natureza e a cultura convivan, pero para iso é necesario un compromiso real das institucións”, engade Sotelo.

O festival, que se prolongará ata as 20:00 horas, é unha oportunidade para gozar da música, a natureza e a convivencia, ao tempo que se reivindica a recuperación deste espazo único en Reboreda. A entrada é libre, e a organización anima a todos os veciños e visitantes a sumarse a esta celebración.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará