A partir deste luns, 8 de setembro, o Concello de Redondela implementará unha nova regulación do tráfico nas rúas Praza da Constitución, Telmo Bernárdez e Figueiral, no corazón do casco histórico. Esta medida, que complementa as restricións xa existentes noutras zonas da vila, busca preservar o patrimonio histórico, mellorar a seguridade dos peóns e promover un entorno máis sostible. A instalación dos sinais de tráfico comezará mañá venres, 5 de setembro, marcando o inicio desta transformación.
Segundo explica a concelleira de Interior, Rita Pérez Táboas, “esta iniciativa responde á necesidade de reducir a contaminación e o ruído, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas”. Só os residentes, vehículos de emerxencias, servizos públicos e aqueles autorizados para operacións de carga e descarga poderán circular por estas rúas. Actualmente, as vías afectadas rexistran un tráfico medio de 2.500 vehículos diarios, un volume que, segundo Pérez Táboas, “compromete a conservación do patrimonio e a seguridade da veciñanza”.
A partir do 10 de setembro, os residentes poderán rexistrar os seus vehículos para obter autorización de acceso, ben no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica. Ademais, a Policía Local comezará a informar os condutores sobre as novas restricións a partir da próxima semana, podendo sancionar a quen incumpla a normativa. En outubro, cámaras de control de matrículas entrarán en funcionamento para sancionar automaticamente os vehículos non autorizados, garantindo así o cumprimento das novas medidas.
Esta reordenación consolida o compromiso de Redondela por un casco histórico máis habitable, seguro e respectuoso co seu legado cultural.










2 respostas
Menuda actuación do Concello de Redondela. Onde quedou a segunda xuntanza cos residentes e locais como se dixo na primeira xuntanza?. Os datos reais das cámaras non corraboran os datos ditos naquela primeira xuntanza. Ademais agora redúcesen rúas nas que controlar o tráfico, pero que teñen cámaras instaladas (Pai Crespo, Cabo dos Fumeiros).
E esquecíaseme, o Concello ía rexistrar de oficio os vehículos que tiñan a rodaxe nesas rúas, vexo que non é así. E vendo como vai o Concello, haberá algún problema con estes rexistros, seguro.
Na páxina web do Concello agora mesmo, non hai información sobre esta nova do acceso ás rúas. Vaia forma de informar teñen.
O dito, mala xestión do Concello, de costas aos veciños.